O PSOE propón agora ubicar unha oficina para peregrinos no baixo da Casa Gótica

Imaxe de arquivo do solar que ocupou a Casa Gótica

En maio de 2011, un sorrinte Ramón García, flanqueado á destra pola súa sucesora María Barral, prometía nos pasquíns de campaña do PSOE a “expropiación” da Casa Gótica, demolida no outono do 2008 polo seu propietario. O PSOE plasmaba así no seu programa electoral o corpo dunha moción que presentaran en setembro de 2009 demandando a expropiación da Casa Gótica e a torre de Lanzós ao executivo que naquela altura lideraba a popular María Faraldo.

O compromiso electoral do PSOE difuminouse en canto pisou moqueta. O executivo que lideraban en tandem o rexedor García Váquez e María Barral como primeira tenenta de alcalde e responsable de patrimonio cultural desdíxose á primeira de cambio da palabra dada aos betanceiros. En xaneiro de 2012 o PP recriminaba aos socialistas que meteran no conxelador a súa promesa electoral estrela con respecto ao patrimonio. Tan relegada que no programa de 2015 o PSOE evitou calquera referencia ao edificio levantado para vivenda do rexedor Lopo García de Vilousaz.

E o anunciado onte pola alcaldesa María Barrral é un máis dos sucesivos bandazos do PSOE sobre este inmoble, xoia do gótico civil en Betanzos, que pronto fará dez anos da súa desaparición. Onte a rexedora remitía un comunicado de prensa pedindo á Xunta que, se compra a casa- é unha das ofrecidas para o Plan Rexurbe- destine o baixo a unha oficina de atención aos peregrinos.

Se ben a XUnta proxecta destinar os baixos dos edificios a usos comerciais, o goberno local apela á “simboloxía que ten a Casa Gótica para a cidade” para pedir ao Goberno galego que faga unha excepción neste caso. Así, a rexedora asegura que “creo que sería fundamental un local de atención ao peregrino, porque é a entrada dos peregrinos e paréceme que sería un bo lugar para iso”.

Expropiación, compra, multas, petición á Xunta…. mil posturas do PSOE que esconden ausencia de proxecto

O PSOE fixo oposición ao PP prometendo expropiar a Casa Gótica en canto recuperase o poder en 2011. Propuña, naquela altura, “usos museísticos”, calcando unha proposta que o BNG incluíra no programa electoral de 2007.

En canto tocou poder, o PSOE abandonou a súa promesa. Primeiro pretextando que non podía facer nada no que non recaese sentenza no xuízo que absolveu ao propietario da Casa por demoler patrimonio protexido e logo asegurando que pretendía reunir en multas coercitivas– que son para forzar ao administrado a cumprir as ordes dictadas pola Administración- o orzamento para reconstruíla subsidiariamente- un procedemento no que a Administración fai o que debería facer o cidadán e logo repercute contra el os gastos de tal actuación. Mesturando ambos conceptos para facer ver que resultaba complicado recuperala.

No medio do proceso, en sucesivos períodos electorais, o PSOE recuperaba a promesa de “recuperar a Casa Gótica”, de manera difusa e sen aclarar como, ou de reconstruíla, aínda sen fondos. E mesmo chegou a filtrar que negociaba co propietario a compra do solar e as pedras, sen facer públicas nunca as condicións.

O último ano, porén, foi o do abandono. O PSOE, co recurso contra a sentenza perdido, mudou de estratexia. Pasarlle a pataca quente á Xunta, en palabras do BNG. Pedirlle á Xunta que se fixera cargo da súa recuperación. E agora que a Xunta confirma que estuda a súa adquisición- se estivese libre de cargas- o PSOE pasa a demandar un uso singularizado.

Sorprendentemente, desde aqueles difusos “usos museísticos” de 2011, o PSOE nunca aclaron para que “recuperar”, “adquirir” ou “usar” o inmoble. Sen proxecto nin destino definido para o seu “uso público”, a última ocorrencia é agora unha “oficina de atención ao peregrino”. Coa carencia de servizos socioculturais que ten o Casco Histórico.

Só o BNG, da oposición, ten proposta para o inmoble

Fóra do lugar común de recuperar a fachada icónica do edificio, na oposición tampouco abundan as propostas para dar destino e uso ao inmoble. BNG, BN e BeC si que comparten a urxencia de repoñer a legalidade e impoñer as sancións que procedan, extremo que o PP tampouco comparte, nin de boca nin coas súas actuacións desde a área de Patrimonio da Xunta.

O PP propuxo ao pleno un acordo para que o Concello adquirise e rehabilitase a Casa Gótica en 2016. O acordo, sen aclarar de que forma se pedía, levou o respaldo de toda a Corporación agás BN. A marca local de En Marea manifestou que comprar a casa sería premiar ao propietario que deixou arruinarse o edificio e asegurou que o Concello non está para comprar inmobles e preguntou se tería que adquirir todos os edificios arruinados pola desidia dos seus propietarios. Mais fóra diso, tampouco hai máis proposta.

O BNG defende que sexa un centro sociocultural. Os nacionalistas veñen defendendo hai lustros a necesidade de que a Casa Gótica pase a formar parte do patrimonio municipal para garantir a súa conservación. Avogan por transformala nun centro veciñal e sociocultural, dadas as carencias do Casco Histórico neste eido. O BNG xa ten manifestado varias veces o seu apoio ao goberno local no caso de que optase por expropiala, unha acción que o goberno local comprometeu varias veces sen chegar a levala adiante.

A Xunta non reabriu a sanción contra o dono da Casa Gótica pola demolición

En varias ocasións, o goberno Feijóo evitou aclarar por que, tras o arquivo da causa penal pola demolición da vivenda edificada polo rexedor Lopo García de Vilouzás, a Xunta non volveu reabrir o expediente que fixaba unha sanción de ata 150 000 euros. Estas explicacións foron demandadas tamén, ao igual que as das condicións da cesión da Casa Gótica dos Romay (unha das tres primeiras vivendas en rehabilitarse con cargo a fondos públicos), en sede parlamentaria polo BNG.