Un proxecto para centro de día e vivendas protexidas puido ter cambiado a cara do Carregal

Recreación do proxecto

Promesas que nunca se cumpriron aparte, un proxecto de arquitectura e urbanismo presentado á XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo puido ter trasmutado a imaxe do Mendo e a marisma desecada do Carregal. O certame, que na súa edición do 2013 chegou á XII edición, foi integrando un conxunto de actividades especificamente relacionadas coa Arquitectura, organizadas polas diversas institucións colaboradoras, unha exposición itinerante que recolle en cada unha das súas edicións aquelas obras que polas súas calidades foron merecedoras de ser finalistas na Bienal e os premios establecidos en cada unha das súas categorías.

Na proposta presentada baixo o código GON0011 á última edición se propuña a construcción dun centro de día e 25 vivendas protexidas na parcela municipal onde actualmente se levanta o centro comercial Erosky Center. Tería sido un uso que, sen lugar a dúbidas, prestaría un maior servizo público e un destino máis acorde coas previsións que a lexislación prevé para as parcelas de solo construíble de titularidade municipal.

O planteamento parte dun edificio máis amplo que acollería o centro de día, ubicado no que hoxe en día é o estacionamento do centro comercial, e tres fileiras de vivendas de protección pública que ocuparían a superficie da actual superficie comercial. Todos eles en planta baixa, respectando as marxes fluviais do Mendo, e empregando o granito do país, a madeira e as cubertas de cinc como elementos construtivos principais. Desde a autoría do proxecto xustifican esta escolla porque “a horizontalidade domina o ámbito” e porque “as abas que se asoman a este espazo falan do mundo rural galego, e polo tanto de poboación dispersa, de minifundismo, pero tamén de cultura, de tradición ou de economía”.

Integrado co Pasatempo e co río

Ao trasladar a súa proposta ao plano, asumen que “o histórico Parque do Pasatempo descende de forma graduada por unha destas abas. E prolóngase por unha grande planicie ata chegar ao río Mendo. Neste punto de encontro se sitúa o proxecto e constitúe o primeiro condicionante para o formulación global do edificio: dispoñeranse volumes baixos e alongados que acompañan a directriz xeral do Parque así como ao soporte territorial”. E neste sentido, o proxecto confesa igualmente a súa intención de preservar e prolongar a vexetación do parque alén dos seus límites preservando tamén o carácter natural da beira do Mendo. Parte deste obxectivo obtense liberando o solo mediante unha cimentación a base de piares en retícula, elevando un pouco as vivendas con respecto á cota do solo.

Para o centro de día a solución non é esa, manténdoo nun acceso inmediaro desde a rasante. “O edificio, pola súa natureza programática, ten vontade de desenvolverse nunha única planta baixa, onde a cuberta é un elemento fundamental. E un elemento de oportunidade. Relaciona directamente a arquitectura e o lugar. Pero tamén a arquitectura e o espazo” indican na presentación do proxecto. Engaden que “o edificio proposto é unha sección. Unha sección con cuberta a dúas augas que se repite. Podería chegar a definirse exteriormente como un conxunto de catro volumes. Pero tamén poderían ser seis. Ou mesmo nove. Xúntanse ou sepáranse en función do sol e de a funcionalidade”. Entre as vantaxes adicionais do plantexamento construtivo proposto salientan “entremedias, un espazo verde” así como a “óptima orientación, iluminación e ventilación cruzada danlle forma”.

“Esta sección convértese en fachada cara ao río Mendo” de forma que o río fai parte do propio proxecto construtivo. “Se entende o edificio como un conxunto. É un único muro, que se reduce en altura nos tramos de espazo exterior, permitindo certa permeabilidade”. Sinalan que, ademais, “os muros marcan bordos, lindes, límites de propiedade, de protección. Na arquitectura popular adoitan ser baixos e fóndense cos volumes construídos, mestúranse con estruturas de parras e vides ás que serven de apoio, esvaécense ás veces no terreo”.

O proxecto arredor do parque e o río

O muro, de pedra granítica da zona, xoga un papel importante ao ser un “muro é portante, é un muro de carga, e é de pedra. A continuidade exprésase a través da unión de pezas que no seu conxunto forman algo diferente”. Indican a idoneidade da pedra do país por seren “un material autóctono, do lugar, sostible, sen mantemento. E é un material que permite enlazar coa memoria, a cultura. É intrínseco a Galicia”.

Por outra banda, como os propios autores do proxecto enfatizan, “a formalización do límite entre o espazo público e o espazo privado de cada vivenda condiciona a liberdade individual e a vida comunitaria”. Deste xeito, esta formulación das vivendas plantexadas, entenden, “ha de permitir a relación co veciño e ha de permitir a preservación da privacidade. A vivenda componse de dous volumes: o maior comprende á vivenda e o menor ao filtro co espazo público” que se resolve como un porche para o que se emprega a madeira e a mesma cuberta que para o resto do edificio e que dá acceso a viais intermedios entre os tres bloques de vivendas e o centro de día.

Cubertas de madeira integradas no bosque de ribeira

“Forma parte da lóxica construtiva resolver a estrutura de cuberta en madeira, así como cerramentos, tabiques e carpintarías. Achega calidez e protéxese do ambiente exterior con revestimento de chapa cinc” aseguran para a xustificación dunha escolla a medio camiño entre a tradición do granito e a madeira e a innovación da cuberta a dúas augas de cinc, que nalgúns momentos tamén contempla un lucernario. “A arquitectura ha de proporcionar calidade de vida. Relaciona directamente aos seus ocupantes co ámbito, co terreo, con o espazo exterior, a vexetación, a luz”, conclúen xustificando o proxecto.

Premiado ou non polo xurado da XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, este plantexamento teórico nunca poderemos velo executado no predio que o inspirou porque a ordenación urbanística levada adiante polo PSOE nos anos 90 no humidal desecado do Carregal e sucesivas decisións tanto dese goberno como do que presidiu María Faraldo (PP) deron en que no lugar abrise este ano as súas portas un centro comercial que contén o maior supermercado de Galicia. Se se pode adaptar o proxecto a outro lugar ou quedará como unha mostra máis do Betanzos que puido ser e non foi, o tempo o dirá. De momento o proxecto “EST0097 – Centro de Día y 25 Viviendas Tuteladas en Betanzos ” forma parte da V Mostra da Bienal e pode coñecerse, xunto co resto, no seu portafolio.