Protagonistas da Idade Media en Betanzos: Santo Toribio de Astorga

Santo Toribio de Astorga segundo a representación do "Diario Sagrado et kalendario general" (1779)

Santo Toribio de Astorga segundo a representación do “Diario Sagrado et kalendario general” (1779)

Poderosos gremios que marcaban o devir da cidade, rexedores e correxidores, nomes senlleiros das Letras, cabaleiros, heroes, precursoras… A Idade Media en Betanzos foi moito máis que a lenda do tributo das cen doncelas e a poderosa familia dos Andrade. Xornal de Betanzos inicia un percorrido esta semana de vésperas medievais sobre algunhas das figuras da Idade Media máis esquecidas da nosa cidade. Facémolo  cun bispo, santo e teólogo que nin ten capela nin rúa na nosa cidade: Santo Toribio.

Falar de Santo Toribio é empezar xa coa dúbida: de Astorga ou de Betanzos? Esa é a pregunta que habería que se facer para poñer apelido a este persoeiro da Baixa Idade Media. A vaca non é de onde nace, é de onde pace di o refrán. Daquela o santo brigantino sería de Astorga, que foi onde exerceu o ministerio.

A tradición sitúa o nacemento de quen sería Santo Toribio nunha familia acomodada da Brigantium do ano 402 aproximadamente, calculando a data en función a outras referencias historiográficas posteriores. Con certeza sitúase o seu pasamento en Astorga en 476, na sé episcopal asturicense que ocupou. Antes de todo iso, un mozo Toribio vende todas as posesións que lle lega a súa familia para ir a Xerusalén, onde gaña o aprezo do patriarca latino Xuvenal e é nomeado sancristán maior da igrexa do Santo Sepulcro.

De alí tráese varias reliquias, segundo a tradición pola gratitude do patriarca Xuvenal polos seus servizos. Entre eles, un pedazo da cruz na que morreu Xesús, que o acompañaría toda a súa vida. De volta a Europa bota unha tempada en Roma, onde coñece ao papa León I- San León Magno posteriormente-, do que se fai seguidor. Así é nomeado arquidiácono de Tui, onde tamén é ordeado sacerdote. Ao pouco, recibe do papa a sé episcopal de Astorga.

Desde a sé asturicense Toribio detallará en varias misivas ao seu mentor a súa preocupación polo auxe da doutrina do priscilianismo. Consérvanse a carta e a resposta do romano pontífice, encargando ao betanceiro a celebración dun concilio para excomungar a todos os bispos priscilianistas, do que non hai constancia histórica a non ser que sexa o sínodo de Braga de 443, e do que non se conservan cartas. Con todo, o priscilianismo seguiría vivo algo máis dun século máis.

En 456 o reino de Gallaecia sofre unha derrota na batalla do río Órbigo e o rei visigodo Teodorico mata ao rei galego Requiario, de estirpe sueva. A consecuencia é a destrución de varias ciudades, Astorga entre elas, o que obriga ao bispo a refuxiarse na rexión asturiana do Monsacro, segundo a tradición. De volta a Astorga, faleceu no ano 476.

Posteriormente, coa caída do reino visigodo, os seus restos e a maior das reliquias que trouxo de Xerusalén, o Lignum Crucis, acabaron no mosteiro de Santo Toribio de Liébana, que xunto con Compostela e Roma festexa un ano xubilar, neste caso cando a festividade do santo, o 16 de abril, cae en domingo. Tamén ten catro rutas de peregrinación definidas, algo similar aos Camiños de Compostela.

Curiosamente, de Santo Toribio de Astorga, ou de Betanzos, non hai imaxe ou capela na nosa cidade. Nin na actualidade nin está documentado que no pasado a houbese. Tampouco ten unha rúa ou calquera outro elemento que o recorde na súa cidade natal.