Presentan a XXI Feira Franca coa novidade da ausencia do alcalde

Presentación da Feira Franca coa ausencia do rexedor. Imaxe do Concello

Desde hai vinte anos repítese o programa da Feira Franca Medieval practicamente sen cambios. E tamén sen cambios repítese toda a liturxia que a rodea: dúas semanas antes preséntase o cartel que sempre fai Luis Galán, unha semana antes o goberno local remite a nota de prensa dando conta de que serán 131 os postos a instalar nas mesmas rúas de sempre e con varias ducias de estandartes e varios quilómetros de teas no recinto da festa. E o mércores previo, o goberno local presenta o programa oficial do festexo na única presentación que realiza xa na vetusta Sala Capitular, no cada vez máis baleiro Concello da acrópole do castro de Unta.

Nesa presentación os sucesivos alcaldes debullaban un programa que os plumillas coñecen ao dedillo exercendo de anfitrións antes de facer un paseo polas rúas xa decoradas posando para fotografías. Ata onte.

A XXI Feira Franca presentouse sen a presenza do alcalde por primeira vez en dúas décadas de celebración. Exerceu de mestra de cerimonias a concelleira de cultura.  A ausencia do rexedor está a dar moito que falar, pois outravolta está na rúa o rumor de que non repetirá á fronte do cartel socialista nas eleccións do vindeiro ano. Como eventuais recambios sinálanse ao edil de persoal, Diego Fernández, omnipresente nas imaxes que o goberno local distribúe, e a propia edila de servizos sociais, María Barral, cun protagonismo moi inferior á do anterior concelleiro socialista de cultura.