Un premio de 3000 euros para quen deseñe o logo do 800 aniversario

O concelleiro de persoal Diego Fernández e o alcalde Ramón García

O goberno local anunciou que nos vindeiros días convocará un concurso de ideas para o deseño da imaxe conmemorativa do 800 aniversario da cidade. O executivo explica que o obxectivo é convocar un certame para seleccionar o logotipo conmemorativo do 800 aniversario do traslado da cidade de Betanzos á súa localización actual, que será utilizado no material promocional. O Concello explica que o logotipo deberá ser “versátil e adaptable” e “inspirado nos recursos da cidade, nas emocións e sentimentos que transmite”.

O Concello establece un primeiro premio de 3.000 euros. O proxecto ganador publicarase na web municipal e deberá ser entregado ao Concello nun prazo máximo de 15 días nun manual de identidade corporativa. O Consistorio valorará con 30 puntos o deseño; con 25, o “valor comunicativo e simbólico”; con 20, “a identidade, inspiración nos valores e recursos da cidade, así como nas emocións e sentimentos que transmite” ;con 15, a versatilidad e con 10, o formato.