O pregoeiro da Feira Franca reduce a “políticas” as críticas ao programa

Presentación da Feira Franca coa ausencia do rexedor. Á dereita, de franciscano, Basoa. Foto do Concello

Manuel Basoa Vizoso chegou a Betanzos para facerse cargo da Escola Municipal de Teatro. Desde esa responsabilidade, e malia que a escola durou apenas dous cursos, desembarcou no comité organizador da Feira Franca Medieval no seu primeiro ano de vida. Ata o pasado ano. Este ano o goberno municipal decidiu nomealo pregoeiro da festa de recreación histórica.

Responsable das representacións que levan a cabo nos tres días os actores voluntarios de Betanzos, Basoa nega que a Feira Franca Medieval precisa cambios. É máis, nunha entrevista no xornal Betanzos e a súa comarca, pecha filas co goberno local acerca da boa saúde do festexo e nega a necesidade de cambios no seu programa. Preguntado expresamente polas demandas de cambio no programa, sostén que “moitas das críticas son políticas”. Asegura que “sempre se critica ao que está aí, sexa un ou sexa outro, pasou toda a vida”.

“Penso que a Feira Medieval está moi ben como está e a proba é a cantidade de xente que ven”, asegura aliñándose totalmente coa tese do executivo local: a festa funciona e está ben porque trae milleiros de persoas. “Eu non cambiaría nada das esceas- as representacións-, como moito ir cambiando algún espectáculo dos cómicos de rúa- as compañías profesionais de teatro-, como xa se ven facendo”, sostén defendendo a blindaxe do programa da festa tal e como foi deseñado hai vinte anos.

Malia todo recoñece que “coa cantidade de asociacións culturais que hai en Betanzos podería facerse algo máis” entendendo que de abrir a participación ás entidades actualmente excluídas, “podería enriquecerse aínda máis a calidade do evento”. Así que malia negar que sexa necesaria mellora ou mudanza no programa, recoñece finalmente que precisa mellorar.

Aínda onte, coincidindo coa saída do último número dese xornal, nas redes sociais de Xornal de Betanzos volvía a cuestionarse a programación da Feira Franca coa elocuente frase “sota, cabalo e rei” para denunciar a reiteración do programa do festexo.