Precursosar e protagonistas: María Peres, a Balteira

Unha soldadeira nun cancioneiro medieval

Poderosos gremios que marcaban o devir da cidade, rexedores e correxidores, nomes senlleiros das Letras, cabaleiros, heroes, precursoras… A Idade Media en Betanzos foi moito máis que a lenda do tributo das cen doncelas, o mito da “cidade dos cabaleiros” e a poderosa familia dos Andrade. Foron tempos marcados por protagonismo colectivo, o de alfaiates ou mareantes, ou o de irmandiños. E por mulleres donas de si, malia a fama do tempo histórico que lles tocou vivir.

Asomámonos á nosa historia para descubrir persoeiros que marcaron época na nosa cidade e que actualmente son descoñecidos. E facémolo cunha muller adiantada ao seu tempo, musa de creadores e envexa dos seus contemporáneos: María Péres, a Balteira.

Algo faría María Péres para que os seus contemporáneos lle dedicasen cando menos quince cantigas de escarnho e maldizer- aquí podes velas– e non se pode tomar por certo canto eles din nos seus versos sobre ela. Tal é a opinión da poeta Marica Campo, que recorda que en 1257 María Péres cede “unha rica herdade da súa nai aos monxes cistercienses de Sobrado, a cambio dunha renda vitalicia que ha cobrar na súa casa de Armea”.

Polo tanto, xa está fóra de dúbida que a Balteira era de familia de cartos. Naceu, iso sábese a ciencia certa, na parroquia de Armea, señorío da daquela Vila de Betanzos. Gozar do patrimonio herdado dos país fixo que María Péres fose unha muller independente, cousa da que ao parecer sempre fixo gala e que lle acarreou as críticas dos seus contemporáneos.

Rastreando os datos das cantigas que non encerran crítica ou xuízo de valor, pode saberse que estivo na corte de Afonso X- un de tantos que a criticou nas súas creación-, que participaba en partidas de dados- algo asociado só aos homes- ou que levaba a súa independencia ás súas relacións íntimas.

Debido ás burlas sobre a súa avanzada idade, hai que supoñer que morreu de vella, e dado que era “familiar e amiga” do Mosteiro de Sobrado- que tería sido dela un curto período de tempo-, os monxes deberían terlle dado sepultura “nun ataúde cuberto de tres varas de estanforte vermello, e daranlle dó cumprido de familiar” como di Salazar.

Un icono para o feminismo galego

A Balteira eríxese a través dos séculos como un desafío ao sistema social patriarcal, a muller independente e con propio criterio á marxe das convencións sociais que desafía só con existir. Así a recolle o feminismo contemporáneo e a retratan creadores contemporáneos como Lorenzo Varela en “Catro poemas para catro gravados”. Así a retrata tamén a lucense Marica Campo en “Confusión e morte de María Balteira” e a vindica a profesora da Universidade da Coruña Teresa López en “María Balteira, señora do tempo pasado“.

Darío Xohán Cabana, Álvarez Blázquez ou Manuel María tamén homenaxearon á soldadeira máis universal que, por descontado, tampouco ten ningunha honra pública na cidade que a viu nacer.

Aínda hoxe sobre ela pesa o pouso das críticas e mofas dos trobeiros do seu tempo a causa do pouco convencional da súa vida. Betanzos non dedica ningún espazo público ao seu recordo e exemplo e o premio do 8 de marzo buscou un nome máis dentro da norma e convencións sociais. A Balteira, centurias de anos despois de morrer, segue resultando incómoda e rompedora de máis.