O PP pide un regulamento de usos do Matadeiro da Ribeira

Matadeiro da Ribeira

O grupo municipal do PP de Betanzos esixe ao Concello que elabore e publique na páxina web municipal un reglamento de usos do edificio do antigo Matadero. Os populares presentan unha moción para o próximo pleno ordinario e recordan que xa reclamaron a redacción desta normativa en 2013 e en 2014.

O PP propón no texto que levará a sesión plenaria conceder un prazo de dous meses para que a concellería correspondente presente un regulamento municipal de usos “no que consten os puntos que foron aprobados nas sesións plenarias nas que se debateu sobre esta materia”.

Recorda que, tralas obras de recuperación, para a súa posta en marcha de novo, aprobouse en pleno un acordo no que se cualificaba como edificio de servizos múltiples e incluíase no inventario de bens municipais. “Xa naquel debate plenario, manifestábase que posteriormente ao cambio de cualificación xurídica, sería necesario proceder á elaboración dun reglamento de usos sobre este espazo de dominio público”. Sinala o PP que en 2013 levou a pleno unha petición de elaborar a normativa, que se aprobou; presentouna en 2014 outra vez posto que non se fixo, e segue pendente.

Este edificio que se empezou a rehabilitar no último goberno de Manuel Lagares co BNG, e abriu as súas portas sendo alcaldesa María Faraldo (PP) carece dun uso definido. O PP no momento en que comezou a súa posta en valor no 2001 falaba de establecer alí a sede da, xa desaparecida, Fundación Comarcal. O PSOE falaba de abrir un museo neste inmoble.

Queixas veciñais polas festas privadas

Nos últimos anos os usos deste edificio público provocaron múltiples queixas da veciñanza do barrio da Ribeira polo uso para eventos e festas privadas. As festas e eventos de todo tipo provocaron malestar polos ruídos até altas horas da madrugada e polo estado de limpeza en que quedaba o barrio.