O PP demanda unha xuntanza a tres bandas para amañar o SAF

O voceiro do PP nunha comparecencia con varias edís

O PP demandou ao goberno local que convoque inmediatamente unha xuntanza da Corporación, a empresa concesionaria do servizo de axuda no fogar e as traballadoras do mesmo. Censuran a “inacción” e “pasividade” do executivo para resolver este conflicto laboral.

O que o PP demanda non é outra cousa que o acordo conxunto que toda a oposición levou a pleno hai uns meses. Que reproducía, no esencial, o que demandara o BNG en novembro do pasado ano cando destapou as irregularidades e queixas no servizo: poñer solución ao conflicto para garantir a calidade das prestacións.

O PP evita apuntar á verdadeira orixe do problema: as disposicións da Xunta que retiraron milleiros de euros ao plan concertado de servizos sociais. Os conservadores privatizaron por primeira vez este servizo e avalaron que se lle encomendase á actual concesionaria. De feito, o BNG foi o único grupo que se posicionou en contra.