O portavoz de Betanzos Novo, Hipólito Pérez, encargado de devolver os pisos mercados pola Marea Atlántica ao seu simpatizante

Hipólito Pérez é o portavoz de Betanzos Novo

O 21 de setembro, o concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, Xiao Varela, ditou unha resolución pola que comunica a Hipólito Pérez Novo que será o instrutor dos expedientes para anular a compra das cinco vivendas afectadas polos ditames do Consello Consultivo. Entre esas propiedades figuran as dúas adquiridas aun simpatizante e asinante do manifesto da Marea coruñesa.

Hipólito Pérez Novo foi cabeza de lista de Betanzos Novo, a marea de Betanzos. Desde as municipais do 2015 exerce como portavoz no concello de Betanzos. En xullo do 2016, a marea da Coruña nomeouno director de área de Rexeneración Urbana, compatibilizándoo coa portavocía no pleno de Betanzos.

O goberno da Coruña da Marea Atlántica non só recoñece que a adquisición das dúas vivendas do seu simpatizante foi irregular, senón que a compra doutras tres propiedades tamén puido incorrer en vicios de nulidade. O pleno municipal aprobou coa unanimidade da oposición esixir o cesamento dos dous edís implicados no concurso, Xiao Varela e Alberto Lema, pero eses cesamentos non se produciron e o alcalde reiterou a súa confianza en ambos os concelleiros.

Si dimitiu, porén, unha funcionaria que estaba á fronte do servizo. Agora o propio Xiao Varela nomea ao portavoz de BN instrutor do procedemento para a devolución dos máis de 50 mil euros que ten que devolver o asinante da Marea ao Concello da Coruña.