O pleno reproba ao goberno local pola xestión do Pasatempo e a Xunta revela que non hai proxecto

O novo desprendemento. Imaxe do Concello

Ao fío da medianoite de onte a conta de twitter do BNG, que veu retransmitindo o contido da sesión plenaria que onte celebrou a Corporación municipal, daba o anuncio. “Aprobase a moción de urxencia sobre o Pasatempo pedindo a reprobación da alcaldesa e concelleiros responsabeis e unha comisión de patrimonio para recibir a información completa do derrubo”.

É canto se sabe, polo de agora, desa iniciativa, xa que a emisora municipal non retransmitiu a sesión plenaria, como acontece xa desde hai algúns meses. Mais a Xunta botou por terra onte outro dos argumentos esgrimidos polo goberno local nesta, polo momento, última crise do Pasatempo.

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, asegurou onte, durante a visita da conselleira de Vivenda ás obras do Casco Histórico, que, contra o que sostén o goberno local, a Consellería de Cultura soamente comprometeuse co Concello a “colaborar” na redacción, non a asumila.

“Asistencia técnica” ao plan inicial de recuperación do parque enciclopédico e “colaboración” co Concello de Betanzos “en canto á declaración de Ben de Interese Cultural (BIC)”, puntualizou. Rodeiro deixou claro que o goberno galego non asumirá “a redacción do proxecto” porque o Pasatempo trátase dunha propiedade municipal.

O executivo socialista asegurou en varias ocasións que acadara acordo co goberno galego para que os técnicos de Patrimonio redactasen este proxecto técnico, fundamental para executar as obras.

A Deputación aprobou en marzo a asignación de 600 000 euros para unhas obras de rehabilitación que, ao que se ve, terán que esperar posto que non hai un proxecto para desenvolvelas. Os orzamentos municipais de 2017, aínda prorrogados, contemplaban unha partida de 160 000 euros para estudos e traballos técnicos que o PSOE e as forzas que apoiaron as contas identificaron coa redacción deste proxecto. No pleno do pasado mes aprobouse destinar 200 000 euros do remanente do pasado 2017 a investimento no Pasatempo. A evidencia última é que, a rehabilitación adiarase aínda máis dado que non hai proxecto técnico redactado ou a medio redactar.

O goberno local asegurou que prevé realizar labores de apontoamento para evitar que se desmoronen os elementos con risco de colapso. A Xunta ofrece fondos, pero antepón a aprobación definitiva do expediente de Ben de Interese Cultural, que podería demorarse ata 2020.