Pérez Novo afirma que a funcionaria que dimitiu non depende da súa área

Organigrama da dirección de rexeneración urbana no web municipal

Hipólito Pérez Novo, director da área de Rexeneración Urbana do Concello da Coruña, asegurou onte a este medio que “o Servizo de Rehabilitación e Vivenda non depende do director da Área de Rexeneración Urbana”. Asegura que hai que “ver BOP núm. 132 do 13/07/2017″ e conclúe que “a información publicada non se corresponde coa verdade” no relativo á funcionaria que dimitiu a causa do escándalo dos pisos que a Marea comprou a un integrante do partido na capital provincial.

A información ofrecida no día de onte foi elaborada en base ao portal de transparencia do Concello da Coruña, unha materia da que precisamente se gaba a Marea. Nel, dentro do organigrama municipal– como recolle a imaxe que acompaña estas liñas- inscríbese o controvertido servizo de Rehabilitación e Vivenda dentro da estrutura da área de Rexeneración Urbana.

Ao visitar o apartado dedicado ás direccións de área do mesmo portal municipal da Coruña, infórmase de que “O actual director- da área de Rexeneración Urbana- é Hipólito José Ramón Pérez Novo. Esta dirección créase dentro da área de goberno de Rehabilitación Urbana e Dereito á Vivenda (polo decreto publicado no BOP do 25 de xaneiro de 2016), aínda que posteriormente modificouse a estrutura administrativa da área e fóronlle asignadas novas competencias. Finalmente, mediante o decreto de alcaldía publicado no BOP do 16 de xaneiro de 2017, modificouse o nome da área (que quedou como se indica), establecéronse as atribucións de alcaldía, ademais de definir a estrutura administrativa dependente dela:

  • Servizos xerais de Urbanismo
  • Servizo de Planeamento e Xestión
  • Servizo de Intervención da Edificación e Disciplina Urbanística

Dirección de área segundo o web municipal da Coruña

Asumirá as funcións que lle encomende o tenente de alcalde da área, Xiao Varela Gómez, e ademais especificamente, as que lle delegue a Xunta de Goberno Local e que se recollen no BOP do 20 de xaneiro de 2017″.

O cadro que ofrece o portal de transparencia publicado no web institucional e conforme ao cal Xornal de Betanzos publicaba onte a súa información semella estar elaborado en base á información contida neses dous decretos. Mais da relación de decretos configurando dita área faltaría a referencia a ese BOP do 13 de xullo do pasado ano. segundo ese decreto, Pérez Novo asegura que o servizo de Rehabilitación e Vivenda non dependería da dirección de área. Canto detalla ao respecto o citado anuncio no BOP é un escueto esquema da estrutura organizativa do Concello:

5. Dirección de Área de Rexeneración Urbana. Adscrita á Área de Rexeneración Urbana, Dereito á Vivenda e Mobilidade
Sostible e da que dependerá a seguinte estrutura administrativa:
1. Servizos xerais de Urbanismo.
2. Servizo de Planeamento e Xestión.
3. Servizo de Intervención da Edificación e Disciplina Urbanística.

6. Dirección de Área de Espazo Público e Mobilidade. Adscrita á Área de Rexeneración Urbana, Dereito á Vivenda e
Mobilidade Sostible e da que dependerá a seguinte estrutura administrativa:
a) Servizo de Infraestruturas.
b) Servizo de Edificación
c) Servizo de Mobilidade Sostible

Na relación de competencias delegadas nos directores de área e nas que posteriormente se delegan por decreto, ningunha nomea o servizo de Rehabilitación e Vivenda, que un ano despois deste último anuncio no BOP segue mantendo dentro de Rexeneración Urbana o apartado de transparencia do web institucional do concello herculino. De feito, o anuncio do 16 de xaneiro do 2017 utiliza indistintamente como nomes da área os de Rexeneración e Rehabilitación Urbana e a única vez que se nomea o servizo de Rehabilitación e Vivenda en todos eles é na creación da dirección de área, no primeiro anuncio. Despois desaparece das sucesivas modificacións de denominación e competencias da área. O director da área de rexeneración urbana di que non depende del, mais non semella lóxico supoñer que estea dentro da outra área que ten a mesma concellaría- espazos públicos e mobilidade- e desde logo non figura tal servizo en ningunha outra dirección de área no BOP que indica. Porén, tería comparecido canda o concelleiro responsable da área na comisión forzada pola oposición para dar conta do controvertido contrato de compra dos pisos a un promotor da Marea.