Patrimonio autoriza reanudar as obras na Porta do Cristo

A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta outorgou autorización ao Concello de Betanzos para continuar coas obras de mellora na rúa da Cerca no tramo onde se sitúa a porta do Cristo. Os traballos paralizáronse tras aparecer restos dunha antiga condución de auga.

O executivo local, naquela altura, advertía do retraso provocado pola aparición dos restos arqueolóxicos, que serán tratados baixo a dirección de dous arqueólogos, a municipal e outro externo, que supervisarán o desenvolvemento da actuación. Tras dar a entender a molestia de atopar estes vestixios, agora o goberno sinala nun novo comunicado que os traballos non se retrasaron porque mentres tanto se fixeron actuacións de colocación de acometidas noutros treitos da mesma rúa.

Desde o Concello de Betanzos afirmaron que, en xeral, a mellora da rúa da Cerca é un “proxecto complexo” polo seu emprazamento e as súas características, en tanto se trata dunha calzada estreita, onde se renovarán os servizos de gas, auga e saneamento. “E iso dificultará os traballos e, nalgúns tramos, atrasaraos”, apuntaron desde o Goberno de Betanzos ao anunciar a suspensión dos traballos a consecuencia da aparición dos vestixios.

Os arqueólogos indicarán aos operarios o lugar exacto onde teñen que realizar as tarefas de instalación das novas redes. O proxecto prevé a colocación dun novo pavimento de laxas de granito de 10 cm de espesor na rúa da Cerca e de 6cm de espesor en Travesía de Lanzós- onde continuarán os traballos no que se conclúa a rúa da Cerca- coa colocación dos banzos e laxa de cantaría previamente levantados en Porta do Cristo e Ponte Vella; e a reposición pavimento de chapacuña e laxas de granito en entroncamento coas distintas travesías.

Non está previsto, porén, identificar e manter á vista os restos arqueolóxicos atopados mediante unha ventá arqueolóxica, como é tendencia en todos os Cascos Históricos e zonas monumentais nos últimos lustros.