Patrimonio autoriza intervir no templete do Retiro

O novo desprendemento. Imaxe do Concello

O Concello de Betanzos anunciou onte que contratará os traballos de estabilización do templete do Estanque do Retiro do parque do Pasatempo, logo de recibir a autorización da Dirección Xeral Patrimonio. “A Xunta non fixo observación algunha á proposta remitida polo Concello, que se baseaba no informe encargado aos arquitectos Xan Casabella e Xosé Díez Vieites”, afirma o goberno local nun comunicado remitido onte.

A proposta inclúe unha solución para deter os posibles desprendimentos e á vez resulta compatible coa futura reconstrución, que será definida no correspondente proxecto de restauración do templete, explica o executivo no comunicado. “Para a elaboración deste informe técnico foron necesarias varias visitas, nas que se realizou unha observación minuciosa da illa do templete coa toma de numerosos datos, medicións e unha ampla reportaxe fotográfica”, apuntan.

A proposta técnica foi encargada unha vez que os técnicos de Patrimonio e os municipais visitaron a zona, que estaba danada desde o pasado día 26 de outubro, cando o templete rexistrou un derrube. A raíz desa visita e de acordo ás recomendacións aportadas polos técnicos, encargouse a elaboración do mencionado estudo técnico, cuxos traballos agora serán contratados, segundo avanza o goberno local sen concretar prazos.

O desprendimento do templete, un dos elementos máis singulares do parque enciclopédico betanceiro, produciuse cando operarios municipais realizaban traballos para baleirar o estanque coa intención de proceder ao selado das fendas no seu vaso. A raíz do desplome o executivo local optou por pechar o acceso ao todo o parque enciclopédico.

O goberno local non asumiu responsabilidades polo derrube a causa do desleixo

A Asociación Amigos do Pasatempo convocou unha protesta contra o “ataque” ao ben patrimonial e demandou responsabilidades e dimisións no goberno local pola xestión do parque e as actuacións conducentes ao derrubo, que non é o primeiro a consecuencia do abandono do recinto. O colectivo recordou que alertaba desde facía meses da delicada situación do templete e cargou contra Patrimonio por non evitar a actuación no parque. O executivo local do PSOE enrocouse e mesmo burlou á oposición, que exixiu responsabilidades e reprobou a alcaldesa e os concelleiros de Obras e Cultura polo acontecido no recinto. Tras comprometer un pleno extraordinario para abordar as actuacións e o futuro do parque, o PSOE burlou á oposición convocandoo só para rematar un pleno ordinario que deixara asuntos pendentes ao chegar a medianoite.

A actuación do goberno local nesta crise provocou que a Deputación, que reservara o pasado mes de marzo 600 000 euros para un convenio co Concello para rehabilitar o parque, decidise prescindir do goberno local e solicitar directamente a Patrimonio actuar no recinto para consolidar os elementos máis vulnerables. 

En todo momento o goberno local seguiu insistindo que a Xunta se comprometera a redactar o plan de rehabilitación do xardín, algo que unha vez tras outra desmentiu o executivo galego.

O Parlamento Galego foi o escenario, tras unha iniciativa do BNG que suscitou a unanimidade da Cámara, onde o PP plasmou por escrito por vez primeira cal era o compromiso da Xunta: asesoramento técnico na redacción dese proxecto, busca de financiamento co Estado e axilizar a declaración coma BIC do parque.