Os viticultores agardan unha produción media de calidade excepcional

Viñedo na volta do Penso, tras a ponte de madeira que une A Ribeira e O Xuncaliño

O presidente da Asociación de Adegueiros Viño da Terra de Betanzos, Pablo Fernández Coroas, asegurou ao dixital Campo Galego que prevé que este 2018 cuxa vendima está a piques de comezar “será un ano de producións medias ou baixas pero de momento a uva presenta unha calidade excepcional”. “Vai depender un pouco do que aconteza na vindeira semana” engadiu.

Recordou que este “ano non comezou moi ben, con moito frío e moitas precipitacións, de forma que as vides agromaron de xeito irregular e con pouca fertilidade”. “Posteriormente, houbo algúns ataques de mildiu, por zonas algo máis severos pero en xeral pouco importantes debido ao frío” explicou. Isto derivou en que “o ciclo ía algo atrasado ata o mes de xuño, desde xullo a climatoloxía foi moi favorable e agora estamos a poucos días de comezar a vendima con boas expectativas”.

O viticultor é un dos promotores de Conexión Mandeo, unha sociedade de adegueiros novos que están a realizar un traballo de investigación sobre a base das variedades tradicionais da comarca betanceira que ten recibido moi boas cualificacións e críticas.