Os mitos do 800 aniversario: o 800 aniversario da fundación da cidade

Selo real de Afonso VIII, Dei gratia Rex Legionis et Gallecie

O goberno local leva un tempo, desde xaneiro deste ano, anunciando distintas iniciativas e reunións para facer un programa de actos para conmemorar o “800 aniversario da cidade”, como insistentemente reitera en comunicados de prensa e bases de certames. Un dato erróneo que de asumirse resulta incompatible con boa parte da historia da propia cidade: asumir que Betanzos foi fundada hai 800 anos o vindeiro 2019 supón, implicitamente pero ao mesmo tempo, rexeitar que Betanzos sexa a Brigantium do itinerario de Antonino como defendeu vehementemente Vales Villamarín. Ou ten 800 anos ou ten dous milleiros longos.

A fundación de Betanzos

Se non renunciamos a que o primeiro nome rexistrado do noso municipio foi Brigantium, a fundación da poboación foi hai varios milenios. “El origen de Betanzos y de sus primeros pobladores se encuentra sumergido en el insondable abismo de los tiempos primitivos” asevera Manuel Martínez Santiso na súa monumental Historia de la ciudad de Betanzos.  “Podemos, pues, establecer como cierto que los verdaderos ab-origines de Betanzos, cuya venida colocan los escritores como unos mil novecientos años antes de N.S. Jesucristo y desde esa época es casi segura la existencia del pueblo brigantino, conocido entonces con los nombres de Brigancia, Brigantia y Brigandsia” relata.

Neste relato romántico das orixes do noso concello afirma que “es, por tanto, Betanzos de origen celta, y desde el siglo XIX antes de nuestra era existe esta antiquísima población”. Nun dos primeiros capítulos da súa obra, contemporánea ás de Vicetto e Murguía, entre outros, pon data certa á fundación de Betanzos: “siendo el año 4004 de la creación del mundo, 1941 de la fundación de Betanzos y 753 de la de Roma, nació en Belén de Judá de una Virgen, como estaba profetizado, el Redentor”.

A propia web do Concello asegura que “no noso territorio municipal destacamos o Castro de Untia como orixe da cidade de Betanzos”. Tal orixe no castro de Untia ou Unta resulta, outra vez, incompatible co “800 aniversario” para o que “García Vázquez solicita en Madrid a colaboración do Ministerio de Cultura nos actos do 800 aniversario da fundación de Betanzos” segundo o mesmo web municipal. Así pois, non é 800 aniversario de ningunha fundación de Betanzos.

O título de cidade é de 1465

Tampouco é o 800 aniversario da fundación da cidade ou da intitulación como tal. A concesión do título de cidade a Betanzos, canda o voto en Cortes e a feira franca dun mes de duración, derivan directamente do papel do municipio, como tal, na Gran Guerra Irmandiña, en 1465. Foi Enrique IV quen elevou a vila a tal rango- con canto na época o título implicaba. Hai 553 anos, non 800.

Antes desa data, non se pode falar de Betanzos como cidade: era unha vila de reguengo, dependente directamente do poder real, non sometida ao señorío feudal civil ou eclesiástico e gobernada por un concello ou cabildo con rexedores e correxidores dos distintos estamentos. Pero vila á fin e o cabo. E así se refire a ela Afonso VIII na súa Real Cédula de 1219: “Ego Adefonsus, Dei gratia Rex Legionis et Gallecie, muto Villam de Betanciis ad Castrum de Vnctia, ad instantiam et petitionem habitatorum ipsius Ville. Et quia ipsurn Castrum erat heréditas Monasterii de Superaddo”.

Un traslado que confirma unha mudanza xa realizada antes

Está demostrado que cando Afonso VIII de León e Galicia asina esta cédula xa hai anos que o groso da poboación betanceira reside xa no castro de Unta. OS veciños do que aínda hoxe se chama Betanzos O  Vello pediran nunha solicitude dirixida ao rei o 18 de xullo de 1212 que dese venia ao traslado e, o importante, que outorgase foro á vila trasladada.

Os privilexios reais neste tempo, como a historiografía constata, veñen refrendar feitos xa consumados. E a Afonso VIII interésalle, polas circunstancias do seu reinado, obter un poder civil independente de nobres e bispos, o que se traduce na concesión de foros ás principais vilas daquela altura: Tui, Baiona, Lobeira, Ponte Caldelas, Melide, Monforte de Lemos, Sarria, O Burgo de Castro Caldelas, Triacastela ou Betanzos, ademais de fundar A Coruña ordenando o traslado dos habitantes do Burgo, independentes do Temple e baixo poder real agora.

E tampouco, como se dá a entender, Afonso VIII traslada libremente a un ermo a cidade. Xa se moveran os seus habitantes, atraídos polo emprazamento estratéxico do castro de Untia, onde xa existía unha poboación. Dan proba dilo que existise e estea documentada unha importante encomenda da Orde do Temple no solar que posteriormente ocuparía o mosteiro e igrexa de San Francisco- coa poboación que está documentadamente asociada a estes

O convento de Donas no barrio da Condesa. Ao fondo, bloque de pisos sobre o espazo que ocupou a súa capela

establecementos da orde militar-, e, sobre todo, pola presenza do Mosteiro de Donas. O convento das Cascas, como xa contamos, existía xa á altura de 1138, cando Vermudo- ou Bermudo- Pérez de Traba, fillo do poderoso Pedro Froilaz, conde de Traba, princeps Gallaeciae e aio do rei galego Afonso VII- posteriormente rei de León e Castela co mesmo numeral- reconstrúe o mosteiro de San Paio de Xenrozo.

De feito, Afonso VIII recoñece no seu privilexio rodado de 1219 que a propiedade do castro de Unta é do Mosteiro das Cascas, dependente do de Sobrado, e deixa por escrito que a cambio do castro “dou e asigno en compensación da mesma herdade para sempre a Vos Abad Señor Enrique e Comunidade do mesmo Monasterio de Sobrado a cuarta parte de todas as rendas e proveitos da mesma vila e que á mesma pertenzan tanto por mar como por terra, para que libre e pacificamente sen oposición algunha posuades vos e o mesmo Mosteiro a mesma cuarta parte por dereito hereditario para sempre coa metade de todas as Capelas que na mesma vila se constrúan, como aquilo que mellor tende e mais libremente posuídes”.

“Sáibase que Vós Abade e Comunidade de devandito Mosteiro dádesme ao meu para a poboación de devandita Vila o arriba devandito Castro de Untia e todas as demais heredades que tendes en torno do mesmo castro. A saber: pola fonte que está na ribeira do río Mandeo xunto á ponte de Untia e de aquí para arriba, polo val antigo e do outro lado polo camiño que vai ao voso Hórreo, excepto o mesmo Hórreo co seu curral e desde aquí seguindo os límites do mesmo Castro coas predichas heredades, quedando ao carón e ao outro os dous ríos” especifica o neto de Afonso VII.

Polo tanto, Betanzos xa estaba “mudada” de Tiobre antes de 1219, fundada séculos antes da data do privilexio real de Afonso VIII e aínda tería que agardar a 1465 para ter título de cidade. Exactamente, entón, que 800 aniversario se celebra?