Os mitos do 800 aniversario: Alfonso IX

O goberno local está celebrando xuntanzas, pedindo ideas e remitindo solicitudes para festexar o suposto 800 aniversario da fundación de Betanzos. Como xa explicamos, a nosa cidade ten máis de 800 anos e en 1219 o rei tan só deu carta de natureza xurídica a unha mudanza que a historiografía advirte que acontecera antes. Segundo o executivo local, tal soberano foi Alfonso IX. Mais non foi tal.

Remontámonos a 1109, cando morre Afonso VI. A súa filla Urraca casa co rei aragonés Alfonso I e a nobreza galega, comandada polo aio do principe neno- de quen xa falamos– e o arcebispo Xelmírez coroan ao seu fillo Afonso na inacabada catedral de Compostela como Afonso VII, rei de Galicia. En 1126 será coroado tamén como rei de León, tras finar súa nai. Desde entón ata a súa morte, ambas coroas irán unidas na súa persoa, xunto coa castelá que toma tamén de súa nai e polo que será coroado tamén como Imperator totius Hispaniae ata a súa morte, acaecida en agosto de 1157.

O seu fillo Fernando II ocupará as coroas galega e leonesa desde esa data ata o seu propio pasamento, o 22 de xaneiro de 1188, recibindo sepultura no panteón familiar da casa de Borgoña na catedral compostelana, inaugurando o panteón real da sé. O seu fillo, Afonso, reinará en ambas coroas desde esa data e será quen firme o privilexio rodado que confirma a mudanza de emprazamento de Betanzos en 1219. Pero correspóndelle o oitavo ordinal nos reis galegos e leoneses do seu nome. Non é, polo tanto, Alfonso IX.

Dous Alfonso VIII ao mesmo tempo

Coinciden no tempo dous reis co mesmo nome e ordinal nas coroas galaicoleonesa e castelá. Desde que se separara tras a morte de Afonso VII o Emperador, a coroa de Castela foi ocupada por Sancho III, fillo de Afonso VII, que deu paso ao seu fillo no trono, tamén Afonso VIII. Malia tan estreito parentesco, os reis de Galicia e León e Castela batallaron entre eles nunha coexistencia que non estivo exenta de tensións. O castelán reinou entre 1158 e 1214, mentres que o noso rei fíxoo de 1188 a 1230. Pero non o sucedeu nin rexiu os mesmos territorios, polo que non se lle pode facer pasar por sucesor e continuador dunha serie real.

Foi a historiografía española, máis próxima á crónica en ocasións que a ciencia, quen o renomeou como Alfonso IX para establecer a pretendida liña histórica dos “reis de España” e buscarlle ordinal e lexitimación histórica ao monarca coñecido como Alfonso XII e, con el, aos seus sucesores.

O rei dos burgueses e do primeiro parlamento

A política de Afonso VIII foi a de crear vilas de reguengo no territorio, gobernadas por concellos e baixo a súa autoridade directa, para contrapesar a nobres e clero

Afonso VIII tivo que pelexar para afirmarse no trono que seu pai lle legou. A segunda esposa do seu pai pretendía o trono para seu medio irmán Sancho e liquidar o reino de Galicia e León, asimilándoo a Castela. Os seus parentes os reis portugueses tamén pretendían anexionar Galicia ao seu territorio. Ademais, o reino estaba en bancarrota debido aos gastos excesivos que seu pai, Fernando II, fixera.

Así que Afonso VIII optou por apoiarse no terceiro estado. A iso responde a súa política de dotar de foros e privilexios rodados as vilas que naquela altura existían, reforzando o seu papel de polo alternativo ao poder señorial de señores feudais, abades e bispos. E por iso tamén, para tratar directamente con todos eles dándolle natureza de igualdade, convocou as Cortes por primeira vez na historia en San Isidoro de León en 1188. Hai un aforismo que reza que tivo Galiza reis antes que Castela leis. Ao que se ve, tamén tivemos parlamentarismo antes que a famosa Carta Magna inglesa.

Na época non había corte fixa, senón que o monarca itineraba polas distintas prazas do seu reino no que non estaba a batallar nalgunha das guerras que librou. Coa súa presenza facía sentir próximo o poder da coroa a todos os señoríos territoriais e reforzaba, como está documentado, o poder e autoridade das vilas e cidades de reguengo- as que dependían directamente da coroa, todo un privilexio na sociedade feudal. Así, Afonso VIII visitará a nova Betanzos cando menos en abril de 1218, dado que asina varios documentos con esa data no noso concello.

A esa política responden os privilexios dados a moitas vilas e cidades galegas sobre descarga e abasto de mercadorías, exencións de tributos e outras mercedes: á necesidade de apoiar a Coroa nelas para soster o reinado. Tense dito que sen a política de Afonso VIII non tería existido a Revolución Irmandiña un par de centurias máis tarde, que, como dixemos, dá o título de cidade precisamente a Betanzos.

O noso Afonso VIII conquistará varias prazas de Estremadura en 1228, e Cáceres en 1229, e finalmente Mérida e Badaxoz, en 1230. A presenza, aínda hoxe, do galego como lingua falada nunha comarca daquela comunidade non será allea a estes feitos. En 1230 dirixiuse a Santiago de Compostela, enfermando gravemente en Vilanova de Sarria,  e faleceu pouco despois, o 24 de setembro dese ano. Chegaría morto a Compostela, soterrándose no Panteón Real da catedral a carón de seu pai, Fernando II.

O reino foi legado ás súas fillas Sancha e Aldonza, nadas do seu primeiro matrimonio, que ascenderon ao trono co apoio da nobreza galega. O clero e os altos magnates preferían por rei ao castelán Fernando III. A famosa “Concordia de Benavente” supoñerá o acordo, dando a coroa galega a Fernando III. En troques, seu fillo Afonso será educado en Galicia pola nobreza local. Xa rei, buscará lexitimarse poñéndose por sucesor e continuador do noso Afonso VIII, renomeándoo IX para non repudiar ao seu avó- o outro Afonso VIII. Escribirá na nosa lingua centos de cantigas, que asinará como Afonso X e pasará á historia como Rei Sabio, pero esa xa é outra historia.