Os exalcaldes queren condicionar os fastos do 800 aniversario cun feixe de investimentos

Sánchez Presedo, García, Faraldo, De la Fuente e Lagares na alcaldía. Foto do Concello

Comprar a Casa Núñez ao seu propietario, pagarlle á Igrexa por usar o convento franciscano, construír un albergue xuvenil. Son algunhas das propostas que os exalcaldes da cidade veñen de facer públicas para festexar o 800 aniversario do traslado de Betanzos desde Tiobre. Din querer facer de Betanzos o “centro de referencia do medievalismo” e sacar partido ao seu “casco histórico único, capital do gótico galego” pero non atinan a decidirse entre o convento franciscano dos anos corenta ou o edificio modernista dos vinte para acubillar a representación de oficios e gremios.

Asumen, iso si, que o Museo das Mariñas falla na súa didáctica, a xulgar polo contido da proposta e os argumentos ofrecidos. Así, propoñen sacar os fondos medievais depositados no claustro do exconvento dominico- sepulcros, capiteis e demais estatuas e facsímiles de planos- para levalos a este novo museo por definir. “Estarían expostos de xeito máis adecuado e didáctica, seguindo unha concepción máis moderna, na liña, por exemplo, do reformado Museo Nacional ou do Novo Museo da Acrópolis de Atenas”, recolle a proposta que asinan Vicente de la Fuente, Antolín Sánchez Presedo, Manuel Lagares Pérez e María Faraldo Botana.

Un selo, unha exposición e un comisario independente

Os rexedores xa propuxeron que un comisario “independente” dirixa estes fastos, entre os que suxiren pedir a Correos a edición dun selo conmemorativo, a organización dunha exposición que dure todo o ano, crear un logotipo para estes festexos, editar un calendario medieval ou restaurar os escudos da fachada do Concello.