Os cines que Betanzos tivo

Interior do Alfonsetti

O vetusto Alfonsetti, que noutro tempo foi decano das salas cinematográficas en activo de todo o territorio español, recuperará estes días as sesións de cinema. Será co ciclo de cine ao aire libre da Deputación, configurado como cinema en familia, e tomará o relevo da Semana Internacional de Cine do pasado ano, que dedicada a Aute supuxo a volta da sétima arte ao vello refectorio dominico.  Aberto en 1882, desde a súa rehabilitación o cine continúa practicamente inédito, apenas uns concertos, o debate das eleccións municipais, un concurso de monólogos, a Semana do Cine e unha obra de teatro foron canto pasou pola histórica sala desde a súa polémica e cara rehabilitación.

O Alfonsetti- chamado Cine Alfonsetti, Teatro Alfonsetti ou Salón Alfonsetti segundo o momento- levantouse no vello refectorio dominico a raíz da desamortización que deu co ex-convento en mans municipais. O primeiro arrendatario foi unha sociedade conformada por Roque Ponche, J. Castro, J. Núñez e M. Alfonsetti, militar de profesión que deu nome. Despois, varios contratos se sucederon rematando como arrendatario Claudino Pita, que o legou ata os seus netos. Controvertida foi a recuperación polo pago dunha indemnización cuestionada polo peche da sala que levaba anos sen explotación comercial e complicada foi a reforma, con incendio parcial incluído.

O salón contou no seu día con piso móbil para igualar patio de butacas co escenario, a fin de retirar as cadeiras e gañar espazo para os bailes que se celebraban. Tivo un proxecto de reforma moi ambicioso de González Villar, que proxectaba unha nova fachada modernista e ampliar a platea ata as paredes do claustro, finalmente reducido a outro máis barato que finalmente se executou. Deste vello cinema consérvase un pano de boca do escenario pintado por Camilo Díaz Baliño, actualmente no Museo das Mariñas.

Mais o do adro de San Domingos non foi o único cinema con que contou a nosa cidade. O “cine novo” ou “cine grande” abriu as súas portas no cinco da rúa dos Ánxeles en 1942. A proxección que inaugurou o Cine Capitol o 17 de outubro foi “María Estuardo”. A sociedade Empresa Blanterrey, conformada por varios socios, encargou un edificio estilo art-decó a Rafael González Villar. O falecemento do arquitecto durante as obras obrigou a que a dirección, desde os alicerces á conclusión, correse a cargo de Antonio Vicéns Moltó.

O cinema contaba, ao igual que o Alfonsetti, co que rivalizou, cun escenario para actuacións musicais e teatrais. A fachada, o vestíbulo e a bóveda do patio de butacas deste teatro de estilo italiano contaba con ornamentos en estilo art-decó, perdidos coa reconversión do solar nun bloque de vivendas que tan só respectou a fachada orixinal.

A primeira fachada deseñada por González Villar para o cine

O Capitol, que se anunciaba nos Soportais do Campo polo recóndito do seu emprazamento, botou o pano coa proxección de “Mejor solo que mal acompañado” o 28 de maio de 1989 e as súas 496 butacas desapareceron para sempre. Polo camiño quedaron festivais de jazz, cine, representacións teatrais, pregóns da Semana Santa e ata o congreso do PSdG-PSOE de 1982, que confirmaba como secretario xeral a Francisco Vázquez no feudo do que o sucedeu á fronte do partido, Antolín Sánchez Presedo.

Pero houbo vida antes do Capitol. Na modernista Casa do Pobo da rúa Travesa, proxectada tamén por Rafael González Villar en 1918 dentro do legado testamentario de Jesús García Naveira, houbo un pequeno teatro tamén que foi sucesivamente explotado por varios empresarios. Inaugurada en 1920, alomenos entre 1922 e 1924 funcionou un pequeno cine-teatro na casa cedida ás organizacións sindicais de Betanzos, cunhas 144 localidades aproximadamente. Polo menos ata maio de 1924 hai constancia da proxección de películas neste edificio posteriormente incautado polos franquistas e vendido a particulares.

A primeira fachada deseñada por González Villar para o cine

Uns anos antes, no 1917, abría o Salón Ideal, do que apenas quedan vestixios nas hemerotecas e que tal vez se ubicase nalgún baixo do Arquivo do Reino de Galicia, na actual praza que leva o nome do país, ou fose un dos nomes comerciais do Alfonsetti durante algunha nova xerencia. Porque nas naves que ían funcionar como arquivo das provincias do Reino de Galicia tamén houbo un teatro-cine, que sería o antecedente da actual aula de cultura do Edificio Arquivo.

En efecto, o Teatro Gran Cinema Brigantino inaugurouse en 1914 nos baixos do Edificio Arquivo. Como pouco, entre marzo e maio dese ano o empresario José Barreiro Rei puxo en marcha un cinematógrafo neste local, que puido prolongar a súa existencia como cinema ata 1930, xa coñecido como Cinema Brigantino.

Dous teatro-cinema que non se levantaron e uns multicines dos que nada se soubo

O antigo Cine Capitol, do que só se conserva a fachada, era obra de González Villar e está na rúa dos Ánxeles
E aínda houbo máis proxectos para estreitar a cidade natal de Ricardo Núñez coa arte que lle deu fama. Polo menos outros tres proxectos foron alumbrados coa intención de abrir novas salas de cinema na localidade. O primeiro sería a finais de 1938, cando Víctor Díaz promove a construción dun cinema-teatro no Picardel, no encontro do Valdondel coa Feira Nova. Eduardo Rodríguez Losada proxectou para este encargo un edificio composto por unha sala con patio de butacas e anfiteatro volado sobre ela, que sumaban 710 localidades, con escenario e amplo vestíbulo con bar incorporado. Tamén contaba cunha vivenda para o conserxe no ático ubicado sobre o vestíbulo. Formigón armado e cuberta de azotea, con liñas rectas e sen ornamentación eran a proposta de fachadas para este proxecto nunca alumbrado.

O antigo Cine Capitol, do que só se conserva a fachada, era obra de González Villar e está na rúa dos Ánxeles

A idea estimulou a competencia, e Raimundo Montes proxectou outro teatro-cinema na mesmísima praza do Campo pouco despois, encargando o proxecto ao arquitecto coruñés Santiago Rey, unha das referencias do racionalismo na arquitectura galega. Un vestíbulo aberto á praza acolle a taquilla e dá paso ás escaleiras para baixar á planta soto  e para acceder a un segundo vestíbulo con bar e aseos. O aforo desta sala sería de 482 espectadores en patio de butacas, accesible baixo o escenario, que quedaría sobre a sala e sen acceso desde esta. Formigón e cuberta de fibrocemento querían asomarse á praza do Campo por medio deste proxecto que nunca saíu adiante.

Máis recente no tempo, durante o dilatado mandato do socialista Manuel Lagares varias veces foi anunciado un proxecto para ubicar uns modernos multicines na nosa cidade. Ou dous. De feito, foron comprometidos nun centro de lecer entre a estación de trens Betanzos-Cidade e o porto e tamén no Carregal, dentro do complexo conformado polo hotel, o centro sociocultural e o hipermercado que se proxectou onde un hipermercado invade o río Mendo, detrás do Pasatempo.

Dos dous emprazamentos, tal vez o que estivo máis próximo a concretarse foi este último, porque o contrato para outorgar a concesión administrativa desta finca municipal á beira do Mendo incluía construír estes tres edificios: un hotel conectado á pasarela do Pasatempo, que salvaría o cauce do río e chegaría ata a rúa do Frade, o hipermercado que explota actualmente a vasca Eroski e un difuso “centro sociocultural” no que, teoricamente, se ubicarían os multicines.

O goberno municipal do PP permitiu á mercantil non levantar hotel e centro sociocultural a cambio dunha cantidade para o Concello e o actual goberno do PSOE permitiu á empresa explotar o solar municipal que quedou baleiro por non levantarse os edificios proxectados. Aínda en maio de 2011, o actual alcalde Ramón García cuestionaba a operación promovida pola súa antecesora no cargo asegurando que parcela onde está o hipermercado “es propiedad del Ayuntamiento y estaba cedida mediante una concesión pública, en su momento han pagado al Ayuntamiento 600.000 euros, con un compromiso de construir el hipermercado que hay construido, un hotel de 75 habitaciones y un centro sociocultural de 6.600 metros cuadrados donde se incluirían multicines, locales comerciales, así como salas de uso público”

Asegura que tras comprar os dereitos do supermercado a empresa se resistía a cumprir co resto do contrato e que o goberno da popular María Faraldo “aceptó cambiarles el contrato donde dejan de construir dicho hotel y el centro sociocultural a cambio de 857.000 euros”. “¿es que Betanzos no necesitaba un hotel y multicines y el centro sociocultural?” preguntábase Ramón García nun chat durante aquela campaña electoral. Unha vez asido o bastón de mando, en lugar de reclamar iso permitiu ao hipermercado extender o seu estacionamento sobre a parcela en lugar de buscar levar adiante ambos proxectos con outro socio se fosen realmente necesarios.

E o rexedor pecha de forma circular esta reportaxe: malia cuestionar non facelos e soster que son unha necesidade para Betanzos, non fixo nada para abrir eses multicines por cuxa ausencia se laiaba en 2011. E non tendo multicines nin actualmente sala de proxección algunha, mantén pechado o Cine Alfonsetti, inicio da relación de Betanzos coa sétima arte.