A oposición forza un pleno extraordinario para obrigar ao PSOE a dar contas do Pasatempo

O novo desprendemento. Imaxe do Concello

O goberno local anunciou por medio dun comunicado de prensa que convocará un pleno extraordinario para dar conta da situación xenerada no Pasatempo tras o último derrubamento a causa do baleirado do Estanque do Retiro. Hai que seguir a indagar nas explicacións da oposición para saber que aconteceu realmente na última sesión plenaria, que o goberno local decidiu non retransmitir en directo pola emisora municipal. Así, fronte á versión ofrecida polo goberno local de que foi “acordado” nesa sesión, no twitter da candidata do PP, Cecilia Vázquez, puntualízase que a convocatoria será “a instancia de PP, BNG e BN”.

Tres mocións de urxencia sobre o Pasatempo debatíronse no treito final da sesión plenaria do pasado martes. Unha sen acordos (a de Betanzos Novo), outra demandando a reprobación dos responsables e pedindo a convocatoria urxente da comisión de Patrimonio para dar conta de todo o acontecido e aportar a documentación do sucedido (BNG) e unha terceira, do PP, para responder a un cuestionario e convocar un pleno extraordinario. Se o goberno local asegura que convocará esa sesión é, despois de todo, porque as mesmas forzas que o reprobaron na votación a instancias do BNG, poden forzar igualmente a convocatoria desa sesión plenaria. De feito, sóbrase só o PP para facelo.

O pleno reproba ao goberno local pola xestión do Pasatempo e a Xunta revela que non hai proxecto

O PSOE contou co apoio do edil de Betanzos en Común, que evitou apoiar calquera dos acordos presentados o pasado martes. Os socialistas insistiron en que seguiron indicacións dos técnicos na intervención realizada no Pasatempo.  “Aínda a día de hoxe descoñecemos se alguén está a redactar o proxecto de rehabilitación do Pasatempo”, indicou o portavoz do BNG, Henrique del Río. “No pleno do mes pasado a alcaldesa dixo que o estaba a redactar a Xunta, mentres que o goberno galego nega ter pechado máis compromiso que asesoramento técnico”, engadiu. “O certo é que o goberno local leva dando voltas co proxecto para rehabilitar esta propiedade municipal desde 2016 sen chegar a facer nada”, engade o edil nacionalista.

O BNG cuestiona o escurantismo do goberno local neste asunto. “A pesar de termos unha xunta de voceiros, unha comisión de patrimonio e outra para o Pasatempo, en ningún momento o goberno local informou dos traballos que pretendía desenvolver no conxunto do parque estas datas”, explica. As nacionalistas demandan que o executivo informe “das actuacións que se estaban levando a cabo no momento do desprendemento, pedindo copia do proxecto, identificación das persoas responsábeis da actuación, da comunicación e autorización de Patrimonio e mesmo das autoridades que ordenaron estes traballos”.

“En febreiro do pasado ano caía un pedazo no Estanque da Gruta e, a pesar de que o goberno local anunciaba a reposición ‘inmediata’ do mesmo e garantía que era algo ‘puntual’, nin se reparou este mural nin, desde logo, foi algo illado aquel desprendemento” recordou o portavoz nacionalista, Henrique del Río. “E até dous días antes da caída, toda a urxencia do goberno local era contratar a rehabilitación da pasarela, que firmaron o día 23, cando está por ver que Patrimonio non ordene retirala para conservar o Pasatempo”, indicou.

O BNG recorda que nos orzamentos municipais de 2017 ía unha partida de 160 000 euros para estudos técnicos, que PSOE, BN e BeC sinalaron como a do proxecto de rehabilitación do Pastempo. “Nós alegamos ás contas para pedir unha partida de investimento no parque e tumbaron a nosa emenda”, recorda. Non se tocou, pasou ao remanente”, explica o voceiro nacionalista. “No pleno de setembro deste ano, aínda, aprobouse destinar 200 000 euros dese mesmo remanente a obras de rehabilitación do parque”, detalla. “Cando hai un anteproxecto que sinala riscos evidentes de colapso e caídas desde 2016 aínda a finais de 2018 o Concello non ten nada en firme”, relata.

“Agardamos que asuman as súas responsabilidades como demandou o Pleno”, indicou o portavoz municipal do BNG. “Esperamos que convoquen o pleno extraordinario a que se comprometeron para seguir debatendo o tema, no que o BNG exixirá un plan con medidas concretas e un cronograma de actuacións para salvar o Pasatempo” avanza Del Río. “É gravisima a pasividade e incapacidade do PSOE mentres o noso patrimonio desaparece” conclúe.