A oposición apoia a proposta do BNG para manter a xestión pública da limpeza nos centros de ensino

O edil de persoal, Diego Fernández, nun pleno

A oposición en Betanzos uniuse onte no Pleno para aprobar unha moción do BNG que insta a paralizar a privatización do servizo de limpeza no colexio Vales Villamarín, o conservatorio e a escola infantil. Os catro grupos da oposición -BNG, BN, BeC e PP- criticaron que o goberno socialista iniciase os trámites sen informar á Corporación nin ao comité de empresa. A oposición recordou que o Pleno aprobara por unanimidade unha moción en xullo de 2015 na que se comprometía a manter a xestión directa deste servizo básico.

O concelleiro de Persoal, Diego Fernández defendeu que a privatización era “o único camiño posible” polas restricións en materia de contratación aprobadas polo Partido Popular no Estado e recalcou que o Concello manterá ás actuais limpiadoras, que realizarán o seu labor noutros edificios municipais. O edil apelou á insuficiencia do actual persoal, formada por seis traballadoras, e explicou que Secretaría emitira un informe desfavorable á contratación de novo persoal. Diego Fernández leu parte deste informe no Pleno que non foi facilitado aos outros grupos da corporación.

O PSOE tachou de demagóxicas as críticas e fixo un listado de servizos xestionados por empresas externas en concellos como Pontevedra ou Carballo gobernados polo BNG ou na Coruña co goberno da Marea Atlántica. As súas explicacións non convenceron aos grupos da oposición, que instaron ao PSOE a centrar o debate en Betanzos. “Vostede é concelleiro de goberno en Betanzos non oposición en Carballo nin en Pontevedra, se ten vocación de facer oposición en Carballo o lóxico sería que se presente alí ás eleccións”, criticoulle o portavoz do BNG Henrique del Río, quen insistiu en que “se o tempo que pasa buscando nas redes información sobre os concellos gobernados polo Bloque o investira en solucionar os problemas de Betanzos mellor nos iría”.

O BNG acusou tamén ao PSOE de apelar ás restricciones estatais cando lle convén e recordoulle que mantén aberta a contratación de postos “prescindibles” como o patrón para a lancha municipal, que carece de praza na RPT e de dotación orzamentaria. Reclamoulle que lera o informe sobre a contratación do Patrón da lancha sen obter resposta do concelleiro de persoal. O grupo nacionalista “insistiulle ao goberno local en que se presentaron as eleccións cun programa no que defendía os servizos públicos e agora están facendo xusto o contrario”.

Betanzos Novo tachou de “inaceptable” que tomase a decisión sen contar co pleno e criticou ao Goberno local por non mostrar antes os informes de Secretaría. O PP recordou que a lei establece excepcións para a contratación de persoal en casos de servizos básicos e recordou que xa estaba en vigor en 2015, cando aprobou manter a xestión directa.

Finalmente o goberno local socialista quedou só na súa defensa da privatización do servizo de limpeza nos centros de ensino, despois de que todos os grupos apoiaran a moción do BNG.