O Xulgado obriga a Fenosa a realizar traballos de conservación na fábrica da luz

Imaxe actual da fábrica. Cedida polo BNG

Bocanada de aire para a decrépita fábrica da luz da Ponte Nova. O Xulgado do Contencioso Administrativo número tres da Coruña ven de denegar a General de Edificios y Solares, división inmobiliaria de Naturgy (a antiga Gas Natural Fenosa) a suspensión da orde de execución para apontoar a factoría. O goberno local fixo público o fallo a pasada fin de semana para volver a anunciar unhas sancións que aínda non impuxo á multinacional.

A empresa alegaba o risco para os operarios que supoñería actuar na factoría, debido ao mal estado que presenta a causa do abandono que padece. Unha opinión que non convenceu ao xuíz, que nun auto do pasado 24 de setembro ordena a Naturgy executar as obras necesarias para “evitar a desaparición deste inmoble catalogado con protección integral”. Ademais, condena á empresa a pagar as costas do procedemento nunha sentenza que aínda non é firme.

O Concello dera orde de asegurar os elementos e a empresa demandou que se suspendera a orde de execución ata resolverse o seu recurso contra a denegación de licenza de demolición para o inmoble. O xulgado entende que non se pode agardar a unha resolución do proceso xudicial, dado que o mal estado do edificio, con parte da cuberta derruida, podería provocar o derrube do inmueble.

PSOE e Marea néganse a rescindir os contratos con Naturgy por querer tirala

O goberno local fixo pública a sentenza, aproveitando para anunciar novamente que abrirá un “expediente sancionador” contra a eléctrica. No pleno do pasado martes, PSOE e Marea negáronse a iniciar un expediente de expropiación forzosa como medida extrema para garantir a conservación do inmoble. A proposta, do BNG, pedía tamén rescindir os contratos con Fenosa que ten o Concello. “Se Naturgy quere acabar co noso patrimonio, que saiba que non o fará cos cartos das betanceiras”, explicaba o edil do BNG, Henrique del Río.