O PP négase no Parlamento a investir fondos na rehabilitación do Pasatempo

O voceiro e a candidata do PP co exalcalde e o edil de cultura no Pasatempo

Di a frase, un tanto escéptica, que os compromisos dos gobernos mídense realmente polo que publica o BOE. Ou o DOG, no caso da Xunta. De ser así, ducias de supostos compromisos adquiridos polo goberno galego con Betanzos e a súa comarca non pasarían de declaracións máis ou menos solemnes, pero sen respaldo en cartos contantes e sonantes. O proceso seguido coas contas da Xunta para este 2019 é, neste sentido, bastante elocuente.

Tras analizar o proxecto da lei de orzamentos redactado polo gabinete Feijóo, os tres grupos parlamentares da oposición fixeron as súas emendas ao estado de gastos, demandando fondos para atallar as necesidades que diagnostican en Betanzos e a súa zona de influencia. Algunhas coinciden, outras difiren por completo.

O PSOE, no goberno local, anunciara que o Concello presentaría emendas aos orzamentos. Foi o grupo parlamentario do PSOE, porque o Concello, contra o que o executivo local anunciou, non pode facer tal cousa. Os deputados socialistas pediron 300 000 euros para melloras no IES Francisco Aguiar, un millón para a mellora do abastecemento de auga, 120 000 para mellora da seguridade viaria na AC542, 60 000 para actuacións na AC161, 400 000 para o amaño do segundo anaco do vello Vales Villamarín e 600 000 para o Pasatempo.

A Marea non pediu os fondos para o Pasatempo que BN exixiu reclamar a todos os grupos

Compartindo as prioridades do PSOE, a Marea pediu tamén 200 000 euros para melloras no Francisco Aguiar, 1 millón para “EDAR e saneamento do Mandeo” e dous para o convenio de mellora do abastecemento, máis medio millón para Casco Histórico. A Marea non pediu fondos para o Pasatempo a pesar de que Betanzos Novo, a marca local do conglomerado, presentara unha moción plenaria para exixir tal investimento nas emendas aos distintos grupos parlamentarios.

O BNG pediu 600 000 euros como contribución da Xunta á rehabilitación do Parque do Pasatempo e 1 millón de euros para rehabilitación das vivendas propiedade do IGVS no Casco histórico de Betanzos, a maiores dos 5 millóns de euros para un programa de rehabilitación de cascos históricos e núcleos tradicionais. As emendas dos nacionalistas incluían 180 000 euros para cumprir o compromiso de que o aulario fose un centro de educación infantil independente, cen mil euros para mellorar a pediatría e outros 200 000 para garantir especialistas abondo no centro de saúde do Carregal e fondos para comezar coa rexeneración da ría e reabrir o antigo centro de saúde de Betanzos como centro de día.

O PP votou en contra dos fondos para o Pasatempo

Apenas mes e medio máis tarde de subscribir un acordo unánime no Parlamento comprometendo fondos da Xunta para rehabilitar o parque monumental, a maioría parlamentaria do PP pasou por riba das emendas da oposición que pedían concretar nos orzamentos esa frase, cuantificándoa. O grupo parlamentario do PP desdíxose do compromiso adquirido na Cámara e pechou fileiras co goberno galego, que non situou entre as súas prioridades investir fondos para recuperar o singular xardín indiano de Betanzos.