O PP demanda medidas diante das carreiras en Rosalía de Castro

Cruce do Rollo coa rúa Rosalía de Castro

O PP presentou un escrito demandando ao goberno local que tome medidas diante de “excesos de velocidade, derrapes e condutas temerarias ao volante” que teñen por escenario as rúas Rosalía de Castro, Rolo, José Fariña, Cal das Barras e Castelao durante a fin de semana.

Segundo a dereita, “estes feitos están provocando entre os residentes destas vías unha enorme inseguridade e intranquilidade, ademais de supoñer un risco evidente para aquelas persoas que acoden aos locais de lecer situados nalgunhas destas zonas”.

Desde o PP sosteñen que “estes comportamentos incívicos e perigosos causaron desperfectos de diversa consideración nalgúns vehículos estacionados na vía pública”. Neste sentido, reprochan que o goberno local faga “caso omiso” ás queixas veciñais por estes sucesos que, aseguran, “están causando un enorme desasosego entre quen os padecen ademais de supoñer un risco máis que evidente para a cidadanía en xeral”.