O POS+ da Deputación deixa 348071,04 euros na comarca

Pista deportiva do Xuncaliño. Imaxe do Concello

O Plan Único (POS+) da Deputación financia cun investimento de 348071,04 euros un total de 3 proxectos de construción ou renovación de infraestruturas deportivas na comarca. Concretamente, serán
116.821,83 € para o amaño das pistas deportivas de
As Minas, O Sapeiro, O Xuncaliño e Guiliade, en Betanzos, e 231.249,21 para a impermeabilización cuberta pavillón colexio de Mondego e a cuberta da pista deportiva dese mesmo lugar de Sada.

Cun investimento histórico que xa supera os 243 millóns de euros no período 2017-2019, o POS+, deseñado pola área de Plans Provinciais que dirixe o deputado do BNG Xosé Regueira, financia actualmente 1.146 obras de mellora de infraestruturas nos 93 concellos da provincia, entre as que se atopan as 51 instalacións deportivas mencionadas, pero tamén proxectos de humanización e recuperación de rúas e espazos públicos, creación de xardíns e zonas verdes, rehabilitación de locais sociais e veciñais, construción de parques infantís, obras de pavimentación, saneamento e abastecemento de auga en núcleos rurais ou instalación de novos sistemas de alumeado público.

O Plan Único permite ademais que os concellos destinen parte dos fondos a amortizar a débeda municipal, pagar facturas pendentes ou financiar parte do gasto corrente de servizos básicos municipais coma o alumeado público, a recollida de lixo ou a limpeza viaria.

O PSOE adxudica as obras atendendo só ao prezo

Betanzos celebrou precisamente onte a mesa de contratación para adxudicar este proxecto, que recaeu na oferta presentada por Mecano Obras e Reformas. Á adxudicación concorreron catro firmas. A pesar dos múltiples problemas rexistrados nos últimos anos por adxudicar contratos de obra por atender unicamente á mellor oferta económica- retrasos na Cruz Verde, paralización e rescisión na Eira Vella, etc- o goberno do PSOE volve optar só por valorar o prezo.