O goberno local rexeita dotar de programación o Alfonsetti na sinatura do convenio para equipalo

Goretti Sanmartín, deputada de Cultura, xunto ao alcalde e o voceiro do BNG nunha visita a Betanzos

Desplante do goberno local á vicepresidenta da Deputación, a nacionalista Goretti Sanmartín, no acto de sinatura do convenio que permitirá equipar o Cine Alfonsetti. A mandataria, responsábel ademais das áreas de Cultura e Lingua, desprazouse á nosa cidade para asinar o acordo de colaboración para o financiamento do equipamento audiovisual do Cine Alfonsetti de Betanzos.

Segundo este compromiso, a Deputación da Coruña colaborará co concello de Betanzos na instalación da nova pantalla e sistemas de reprodución e son para potenciar o uso desta sala de cinema que está considerada a máis antiga de Galiza. Co obxectivo de equipar de sistema de audio e vídeo ao Cine Alfonsetti, a Deputación achega un total de 31.737, o 80% do orzamento total do proxecto que se estima en 39.671 euros. O convenio asínase cando se cumpren cen anos de que o Alfonsetti fose o escenario da presentación da Irmandade da Fala betanceira e se convertese en lugar de referencia do seu cadro teatral.

No acto, o rexedor negouse xa a utilizar asiduamente o novo equipamento da sala ao asegurar que non contemplan dotala dunha programación estable. Limitouse a asegurar que “valorará” a posibilidade mais excusouse nas “limitacións para a contratación e temos dúbidas de que se poida gestionar mediante empresas porque poderiamos incurrir nunha cesión ilegal de traballadores” e adiou calquera compromiso de utilizar o novo equipamento a informes dos funcionarios locais. Iso si, agradeceu á vicepresidenta o seu “interese persoal” por achegar os fondos para equipar a sala.

O goberno local nunca dispuxo fondos para equipar o cine malia prometelo

Interior do Alfonsetti

O executivo socialista anunciou en varias ocasións que incluiría en varios orzamentos as contías precisas para equipar o cine, tras herdar do goberno do PP a sala completamente remozada. Os orzamentos aprobados con CxB levaban, aseguraron, esa partida, e tamén os que aprobou o PSOE en 2014 en xunta de goberno local. En actos de presentación da Semana do Cine a promesa seguiu aparecendo, pero sen fondos para facela realidade. Só a aparición en escena da deputada do BNG permitiu facer realidade o que o PSOE levaba máis dun lustro prometendo sen apoio nas contas.

A Deputación culmina a recuperación do Alfonsetti

“Con esta actuación ponse o ramo a un proceso que converterá de novo o Alfonsetti en espazo de referencia de programación cultural tanto en Betanzos como na comarca, e é especialmente feliz que iso aconteza nunha conmemoración tan singular como o centenario de que a Irmandade da Fala da localidade se presentara neste mesmo lugar”, sinalou Goretti Sanmartín Rei na sinatura do convenio en que destacou a longa historia da sala. Con esta conmemoración, a vicepresidenta da Deputación da Coruña quixo tamén destacar a “necesidade de ter unha cultura digna e de calidade e que se promova non só nas cidades senón tamén en vilas como a de Betanzos que merece ter equipamentos que cubran as condicións para unha boa programación cultural”.

 

Con este proxecto, reactivarase o uso do Cine Alfonsetti, considerado o máis antigo en activo do Estado español –inaugurouse no ano 1882- e datarase dunha nova dimensión ao seu uso para actividades culturais, de maneira especial, como sede da Semana Internacional de Cine de Betanzos. A instalación do sistema de audio e vídeo modernizará e incrementará as posibilidades de uso do Centro Cultural “Santo Domingo”, no que se sitúa o sala de cine, xunto co Museo das Mariñas, e o Arquivo e Biblioteca municipal.

A Deputación da Coruña financiou tamén en 2009 a rehabilitación do edificio nunha actuación que se executou co obxectivo de conservar as súas características arquitectónicas e habilitar un espazo para a realización de eventos no centro do núcleo urbano. Coa instalación do equipamento audiovisual propio subsanarase unha das principais carencias do Cine Alfonsetti que deixará de ter que instalalo para cada evento que acolla como acontecía até agora coa dificultade e incremento de orzamento da programación.

O proxecto financiado pola Deputación da Coruña dotará á dun reprodutor, proxector e pantalla adaptados ás necesidades do espazo. A nova pantalla de proxección será eléctrica e terá unhas dimensións de 700 x 400 centímetros, e complementarase cun equipo de son composto por dez altofalantes, un altofalante autoamplificado de dúas vías e un preamplificador. Todo este sistema centralizarase na sala de control do cine, para poder xestionarse desde este espazo as proxeccións. O proxecto inclúe tamén a formación necesaria para o persoal técnico e de mantemento, que se encargará do funcionamento e a conservación do novo equipamento.