O goberno local rectifica e agora anuncia unha programación estable para o Alfonsetti

Interior do Alfonsetti

Co equipamento audiovisual aportado pola Deputación recén instalado e con obras de reparación de solo e paredes para superar os estragos que a humidade e a infrautilización provocaron, o Alfonsetti afronta a súa segunda posta a punto en menos dunha década. E se cando se subscribiu o convenio coa Deputación para adquirir o equipamento o goberno do PSOE renunciaba a dotar a sala dunha programación estable, agora, a cinco meses das eleccións, o executivo muda de criterio e anuncia un ciclo estable de actividades no antigo refectorio dominico.

Segundo un comunicado remitido polo goberno local, a sala acollerá en diante películas para público adulto os venres e dedicará os domingos aos máis pequenos. As proxeccións serán nun principio tres fins de semana de cada mes, para poder celebrar tamén outro tipo de actos culturais no Alfonsetti, segundo avanza o goberno local.

Segundo o goberno, a idea é programar ciclos de carácter mensual. Unha proposta que os nacionalistas fixeran en varias ocasións, pedindo unha programación estable para a sala, definida de xeito participativo no Consello de Cultura. Porén, o goberno local anunciou a programación que deseñou unilateralmente.

Unha promesa de máis dun lustro do PSOE que acabou cumprindo o BNG

O de equipar o Alfonsetti era unha promesa do PSOE desde a campaña electoral de 2011, cando conseguiu arrebatar o bastón de mando ao PP. O executivo socialista anunciou en varias ocasións que incluiría en varios orzamentos as contías precisas para equipar o cine, tras herdar do goberno do PP a sala completamente remozada. Os orzamentos aprobados con CxB levaban, aseguraron, esa partida, e tamén os que aprobou o PSOE en 2014 en xunta de goberno local.

En actos de presentación da Semana do Cine a promesa seguiu aparecendo, pero sen fondos para facela realidade. Só a aparición en escena da deputada do BNG permitiu facer realidade o que o PSOE levaba máis dun lustro prometendo sen apoio nas contas, que o Alfonsetti teña equipamento audiovisual que permita utilizar un investimento superior aos tres cuartos de millón de euros que permanecía practicamente ocioso.

Unha sala de 3/4 de millón de euros sen apenas uso

O anuncio do goberno local devolve á centralidade o Alfonsetti. Logo de ser incapaz durante anos de dispoñer de fondos para equipar a sala, a Deputación asumiu o custo de poñer en funcionamento o antigo refectorio dominico. A sala entrou de cheo na axitada política municipal ao fío da súa rehabilitación, que non estivo exenta de sucesos e controversia. Os enseres atravesaron diversas peripecias e cando por fin estivo lista para usarse, non se podía, segundo o goberno local, debido a diversas causas, que foron mudando no tempo.

Nesta reportaxe repasabamos o investimento e as excusas para non reabrir a sala: