O goberno local recolle suxestións para ” incorporar novas actividades” na Feira Franca Medieval

A expulsión dos leprosos é un clásico desde a primeira edición da Feira Franca Medieval

O goberno local anunciou que acaba de abrir unha “campaña de recollida de suxestións” para a edición deste ano da Feira Franca Medieval, que se celebrará a segunda fin de semana do vindeiro mes de xullo. “O éxito da Feira e a consolidación como cita de interese non só local nin comarcal senón rexional está fóra de toda dúbida” asegura triunfal o goberno local advertindo que da programación non se vai eliminar nada, senón, se acaso, “pretendemos incorporar novas actividades”.

Explica que esta innovación darase “tamén na organización”. “Na pasada edición recolocáronse postos, como o de cetrería, que pasou do atrio de Santa María a á rúa Nova, para crear novos espazos na primeira zona; ou reservar o Cantón de Claudino Pita para o campamento medieval” puntualizan, aclarando que son “pequenos cambios que se realizan cada ano, algúns por observación dos técnicos municipais e outros por achegas que durante os días de Feira chegan dos responsables dos postos ou dalgúns veciños”.

Partindo deste feito, o Concello abriu un período de suxestións ao longo do mes de marzo, desde o 1 ao 31. As persoas que queiran poderán trasladar á dirección electrónica do gabinete de prensa do goberno local as súas achegas que poden estar relacionadas coa representación de escenas, coa disposición de postos, rúas, etc. “Cada un pode achegar o que estime conveniente, todas serán ben recibidas”, explica a concelleira responsable da “Feira Medieval, Mónica Carneiro”.

O executivo local asegura que “cando finalice o prazo, os responsables técnicos da feira- que ven sendo o técnico de desenvolvemento local segundo denunciou o BNG varias veces- valorarán estas achegas”. “A Feira Medieval é unha das citas máis importantes de Betanzos polo número de persoas que durante eses días visitan a cidade e a participación masiva dos propios betanceiros”.

O goberno local asegura que é referente para outras feiras malia non ser boa práctica segundo os xestores culturais do país

“Este ano a feira chegará á súa 21 edición o que a converte nunha das máis lonxevas de cantas se celebran en Galicia e referente da comunidade” sostén o goberno, que se gaba de que outros municipios que tamén celebran feiras históricas chaman para pedir asesoramento sobre aspectos da organización. “Habitualmente desprázanse a Betanzos para ver eses días como se desenvolve a feira, pero non só de Galicia senón doutros lugares de España”, asegura Carneiro.

A visión triunfalista do goberno local contrasta co banco de boas prácticas culturais que a asociación dos xestores culturais do país puxo en marcha e presentou na última edición da feira das industrias culturais de Galicia, Culturgal. Nun abano de cen actividades culturais de todo tipo, públicas e privadas, e con abondosa presenza de festas de recreación histórica, non aparece a Feira Franca betanceira.