O goberno local quere deixar fóra da RPT á maioría do persoal do Concello

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

A CIG denunciou a través dun comunicado que “o goberno municipal do PSOE presenta unha proposta (de RPT) que segue o acordado ata momento con CSIF, CCOO e UGT”. Trátase da proposta coa que o goberno local sentará na mesa de negociación para ultimar a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, un documento imprescindible para xestionar o persoal municipal.

A Intersindical Galega chama a atención sobre a “novidade” de que “nesta última fase se deixa a un lado esa RPT con todos os postos e presenta unha na que exclusivamente figuran os postos de funcionarios/as que existen na actualidade, algúns de nova creación, tamén con carácter funcionarial e mais os postos do persoal laboral fixo e indefinido”.

“Fica fóra, pois, deste documento que se presenta como a proposta definitiva do Concello de Betanzos, a práctica totalidade dos postos do persoal laboral que traballa nesta Administración local e que si que aparecían no documento denomidado “Relación de Postos de Traballo” que o Concello de Betanzos publicou no Boletín Oficial da Provincia da Coruña no ano 2008″ censuran.

Segundo explica o primeiro sindicato entre o persoal laboral do Concello, a maior parte dos postos do persoal laboral non aparecen nin na Relación de Postos de Traballo, nin no organigrama que a acompaña. A CIG entende que “supón a maior desregulación dos postos do persoal laboral que vai ter o Concello de Betanzos na súa historia”. Explican que esta decisión do executivo socialista significa que “a maior parte do persoal laboral non estará, pois, encadrado en ningún departamento nin terá ningun responsable directo, segundo este organigrama proposto”.

A proposta do PSOE agrava a discriminación salarial

A CIG advirte de que a proposta do executivo do partido socialista significará que “un operario de limpeza viaria funcionario debe ter un nivel 13 e un operario de limpeza viaria laboral un nivel 7, coa diferenza retributiva que isto supón no complemento de destino, e no complemento específico”. Isto é, que dúas persoas que desempeñan exactamente o mesmo cometido, tarefas e responsabilidades cobrarán un salario sensiblemente diferente.

Reproban que isto darase cos postos de traballo que o executivo do PSOE si inclúe nesta nova RPT, e que a discriminación dáse “coa connivencia dos sindicatos que ata o momento apoiaron esta proposta”. Advirten que, de prosperar, “suporá o agravio das discriminacións xa existentes no Concello de Betanzos entre persoal laboral e funcionariado”.

A máis agravar, a CIG advirte que a proposta presentada polo goberno local “non respecta as sentenzas existentes do persoal indefinido na creación das prazas, o que podería dar lugar a reclamacións xudiciais dos traballadores laborais afectados”. Sentenzas de indefinición recaídas, precisamente, en contra das decisións adoptadas polo propio executivo do PSOE en materia de persoal.