O goberno local quere contar co 66% dos votos na mesa negociadora da RPT

Diego Fernández é o concelleiro de persoal

A CIG denunciou a pretensión do goberno local de ter o 66% dos votos na mesa xeral de negociación para sacar adiante a nova relación de postos de traballo do Concello. Segundo a Intersindical Galega, o executivo socialista pretendía controlar directamente o 33% dos votos, deixar un 33% adicional para a empresa que o goberno local contratou para xestionar este proceso e deixar unicamente o 33% dos votos para os traballadores municipais. Con este reparto, o goberno local podería impoñer os seus criterios sen negociar efectivamente o documento, como xa ten feito en varias ocasións co capítulo de persoal dos orzamentos.

A CIG xa anticipou que de isto votarse na primeira reunión votaría en contra porque a Mesa Xeral de Negociación ten unha composición cunhas porcentaxes que veñen dadas polos resultados das eleccións sindicais e a patronal ten o 50% e o outro 50% é dos traballadores, coa representantividade que ten cada sindicato e iso non se pode alterar. “A proposta do goberno suporía que na práctica o goberno tería o 66% do voto, posto que o Concello é o que lle paga á empresa, que é un dato moi relevante. O resto dos sindicatos apoiaron o manifestado pola CIG polo que entendemos que finalmente o Concello deixará a Mesa de Negociación tal e como está” denuncian.

O sindicato nacionalista considera que a proposta de RPT presentada por executivo e empresa está, ademais, “incompleta” porque “intenta “vender” as bondades dun documento con moitas modificacións en detrimento dalgunhas condicións laborais que son agochadas nun documento que é necesario analizar polo miúdo, posto que se fala, por exemplo, das subas de nivel, mais non das baixadas de grupo, non se mencionan novas baixadas con respecto ao primeiro borrador e incídese nos datos do persoal que máis cobra, especialmente funcionario, cando a realidade, especialmente do persoal laboral, é outra”.