O goberno local prorroga o prazo para pedir axudas á rehabilitación

A praza, no corazón do Casco Histórico

O goberno local betanceiro ampliou ata o vindeiro 12 de marzo o prazo para presentar solicitudes para axudas de rehabilitación edificatoria no área de rehabilitación do Casco Histórico (ARCH). Asegura que a medida pretende dar máis facilidades aos propietarios de vivendas do Casco Histórico para tramitalas.

Nesta convocatoria poderán participar as persoas físicas de forma individual ou colectiva, a través dunha comunidade de propietarios, que pretendan rehabilitar edificios e vivendas ou renovar inmobles no ámbito do área de Rexeneración e Renovación Urbana Conxunto Histórico de Betanzos e da súa zona de protección.

O Concello non aporta un euro a estas axudas

As axudas para 2017-2018 suman 130 400 euros e o Concello de Betanzos non aporta un euro a esta contía, limitando a súa participación a recibir e xestionar as solicitudes e controlar a execución dos proxectos subvencionados, como recolle a orde.

O BNG demandou, sen éxito, que o orzamento de 2017, aínda vixente, contemplase unha partida para que o Concello aportase tamén fondos a un programa de rehabilitación de vivenda. Os votos de PSOE, BN e BeC impedírono.