O goberno local, obrigado novamente a paralizar unha contratación por vicios nos pregos

Presentación do contador do 800 aniversario polo goberno local. Foto do Concello

O goberno local viuse obrigado a desistir do concurso que tiña en marcha para a privatización dos servizos de mantemento de xardinería e parques infantís. Un informe xurídico da Secretaría municipal confirma vicios existentes no prego da convocatoria sinalados pola Asociación de Empresas de Xestión de Infraestructura Verde nas súas alegacións, polo que se anula o procedemento e redactaranse unhas novas bases.

O anuncio de licitación publicárase na Plataforma de Contratos do Estado o pasado 31 de xaneiro. A asociación presentou por rexistro as súas alegacións o pasado mércores. O executivo local ten agora que iniciar os trámites para a realización dun novo procedemento de contratación, unha vez emendados os vicios detectados.

O contrato tramitouse por procedemento aberto ordinario, saíndo por 120 622 euros (IVE incluído) e por un periodo de dous anos, sen posibilidade de prórroga, como detalla o anuncio publicado na Plataforma de Contratos do Estado. O expediente de contratación principiara o pasado 31 de agosto. Xustificouse a necesidade do contrato, a insuficiencia de medios e lle procedemento de contratación elixido.

Non é a primeira vez que o executivo socialista se ve obrigado a desistir dun procedemento de licitación en marcha por vicios nos pregos. O Colexio de Arquitectos denunciara o sesgo evidente no contrato do PXOM en vigor, obrigando a reinicialo porque entendían que cortaba un perfil de licitador moi determinado.