O goberno local convoca as axudas socias para o persoal municipal de 2017, cun ano de retraso

Diego Fernández é o concelleiro de persoal

Cun ano de retraso e por segundo ano consecutivo, o executivo local aprobou a convocatoria das axudas sociais para o persoal municipal. Ata o vindeiro 28 de febreiro os funcionarios e laborais ao servizo da administración local poderán presentar as súas solicitudes para axudas ao estudo de integrantes da unidade familiar do traballador, tratamentos de odontoloxía ou lentes e próteses ortopédicas, segundo unha resolución do “departamento de persoal” do Concello.

As axudas son as do pasado ano 2017 e o prazo para a súa solicitude abriuse o pasado 1 de febreiro, e estará aberto ata o 28 deste mes, dous meses despois de perder a vixencia o orzamento ao que se imputarán os gastos.

A CIG denunciou en reiteradas ocasións a demora en  convocar estas axudas e recorda que “o ano pasado o Concello convocou por primeira vez as axudas do ano 2016 no ano 2017 e demorou ata o verán o seu pagamento baixo a promesa da negociación dunhas novas de axudas sociais máis xustas que aínda non se cumpriu na actualidade”. Recordan que o concelleiro de persoal, o socialista Diego Fernández, se comprometera a efectuar a convocatoria destas axudas “en prazo” antes de rematar o ano correspondente- 2017-, compromiso que resulta evidente que o edil do PSOE incumpriu con dous meses de demora.

“Desde a CIG consideramos inaceptable que o Concello de Betanzos sempre atrase a convocatoria, resolución e pagamento destas axudas que o persoal ten recoñecido por convenio e cuxa tramitación non debería ter maior complicación” censura o primeiro sindicato do Concello. “Solicitamos xa en diversas ocasións, tanto verbalmente como por rexistro, que o Concello convoque e resolva as axudas en tempo e forma” lamentan.

Outras subvencións tamén adiadas

Estas axudas non son o único caso de subvencións adiadas cara un exercicio ulterior. O goberno local publicou no BOP a resolución das subvencións de 2017 para entidades e asociacións sen ánimo de lucro. Dálles de prazo para xustificar ata o 28 de febreiro tamén. Porén, as entidades que gozan dunha subvención nominativa non tiveron estes atrancos e asinaron ao longo d0 2017 os seus convenios.