O goberno local asina convenios con cinco entidades deportivas e asistenciais

O acto de sinatura tivo lugar no Edificio Arquivo

O goberno local anunciou que ven de asinar os convenios de colaboración con cinco entidades deportivas e sociais para o desenvolvemento e apoio ás súas actividades con cargo aos orzamentos municipais deste ano. Na relación de entidades están incluídos os clubws deportivos que contan con escolas nas que están matriculados centenares de nenos do Concello en distintas especialidades; así como entidades como Cruz Vermella ou Cáritas.

“As axudas municipais cobren en gran medida as reducións que boa parte e as entidades sufriron por parte doutras administracións e que nalgúns casos chegaron ata o 80%, o que provocou uns importantes desaxustes económicos que sen esta axuda municipal, nalgúns casos, mesmo, provocarían a súa desaparición” explica o executivo local nun comunicado de prensa defendendo este reparto.

O alcalde, Ramón García Vázquez, destacou durante a sinatura dos convenios o importante labor que desenvolven estas entidades, que moven a unha importante masa social e que cobren en certa medida un espazo de formación e axuda a moitas familias que sería imposible, materialmente, realizar desde a administración pública. De aí a importancia que ten para un municipio como Betanzos poder contar con estas entidades. O alcalde destacou o traballo destas entidades “a dedicación, colaboración e traballo nos diferentes programas e actividades que organizades”.

Nos convenios asinados, a Coral Polifónica recibirá 5000 euros; o Betanzos, C.F. 18 000 euros; o Club Náutico Ría de Betanzos, 12 000 euros, subvención a Cáritas Betanzos, 5500 euros, e Cruz Vermella Betanzos 5500 euros. O orzamento, aprobado grazas aos votos de PSOE, BeC e BN, contempla outras subvencións directas a ACEBE por 14.000,00€, a ANPA CEIP Vales Villamarín: 11.000,00€, Club Taekwondo “kwon”: 2.500,00€, Amigos de la Banda: 5.000,00€, Fundación CIEC: 15.000,00€, Club Troula Fútbol Sala: 8.000,00€, Club de Baloncesto Santo Domingo: 8.000,00€, APEM: 2.500,00€, CAIMÁNS: 3.000,00€, Club Ciclista Betanzos: 3.000,00€, Asociación de Amigos del Casco Histórico: 3.000,00€, ASPACE: 2.000,00€ e Centro Betanzos en Bos Aires: 5.000,00€.

En total, isto supón que o goberno local entrega directamente, sen criterios obxectivos nin transparencia, 128 000 euros a estas entidades, onde, ademais de incluír  entidades que “cobren en certa medida un espazo de formación e axuda a moitas familias que sería imposible, materialmente, realizar desde a administración pública” en palabras do alcalde, hai tamén asociacións culturais cunha actividade moito máis discreta. Pola contra, para as restantes 72 entidades que aparecen na relación de asociacións publicada no web municipal, apenas hai 25 000 euros a repartirse entre todas no caso de que presentasen solicitude no proceso que remataba onte. Tocaranlles 347,22 euros de media fronte aos 7111,11 euros de media que corresponden a cada unha das 18 entidades que levan axuda directa.

BNG e BN cuestionaron, por “clientelar” este reparto “a dedo” do groso das subvencións municipais. Porén, BN- unha das marcas locais de En Marea xunto a BeC- contribuíu decisivamente a incrementar a contía destas subvencións outorgadas directamente polo executivo local nalguns casos concretos e permitiu que o método de asignación siga sendo particularmente opaco e vulnere a lei co seu voto favorable aos orzamentos de 2016 e a abstención nos de 2017.