O goberno local adxudica en 63000 euros as orquestras do San Roque

A torre, ao fondo, afeando o Campo

O Concello de Betanzos contratou por 63 000 euros as orquestras para as festas patronais de agosto.  A xunta de goberno local anunciou que acordou adxudicar o contrato, que exixía ás empresas interesadas ofertar cinco orquestras concretas en datas predeterminadas: Os Satélites, o 15 de agosto; Dilema, o 16; A Favorita, o 18; Panorama, o 21 e a orquesta Ibiza, o 25.

O Concello convocou o pasado marzo un concurso público para a contratación das orquestas das festas. O custo da contratación é de 52.700 euros máis 11.067 de IVE, segundo recolle o perfil do contratante, que non informa da adxudicación do contrato.

Un único representante

Estas orquestras están representadas en exclusiva por unha axencia, Gaias Eventos, o que fai que o concurso, en realidade, non sexa tal. Só os axentes da firma ou operadores que traten con ela están en condicións de ofertar estas actuacións para o Concello.

Un concurso polémico

En 2015 o prego non requería que actuase ningunha orquestra concreta, na primeira vez que ao PSOE lle deu por convocar un concurso para estes contratos mentres, como denunciaba o BNG, contrataba opacamente o mantemento dos xardíns ou a limpeza. Naquela altura, como desvelou Xornal de Betanzos, o portal Orquestas de Galicia xa anunciaba os nomes das formacións actuantes antes mesmo de que se abriran na mesa de contratación os sobres coas ofertas dos distintos empresarios.