O escandalo dos pisos da Marea rodea a Pérez Novo, director de área do urbanismo coruñés

Hipólito Pérez é o voceiro de Betanzos Novo

A xefa do Servizo de Vivenda e Rehabilitación do Concello da Coruña, Natalia Codesal, que dependía directamente do director da área, Hipólito Pérez Novo, renunciou ao posto logo de o Consello Consultivo anular a compra de dous pisos dos que a Marea Atlántica adquiriu para alugueiro social. O escándalo rodeou estas adquisicións por ser adquiridos a promotores do manifesto e candidatura da Marea Atlántica e agora o Consello Consultivo confirma, ademais, que o proceso estivo inzado de irregularidades.

O edil de Urbanismo coruñés anunciou esta dimisión e atribuíu as irregularidades denunciadas pola oposición e confirmadas polo Consello Consultivo a “erros humanos”. A pesar de adquirir os inmobles a un compañeiro de formación, o edil negou inxerencias do goberno local no concurso, concedendo que seguiron unhas bases “que se demostraron incorrectas”. “A miña responsabilidade é que o próximo concurso non sufra dos erros desta convocatoria”, asegurou esquivando asumir as súas responsabilidades o edil da Marea.

O Concello deberá analizar agora se outros tres inmobles, dun total de seis adquiridos, deben ser “obxecto de nulidade” ao igual cá este. “Nós confiamos no proceder dos funcionarios, pero démonos conta de que había erros”, insistiu, evitando asumir a responsabilidade política do executivo da Marea. Ademais do edil de Urbanismo, á fronte da área está un director, funcionario nomeado para o posto por procedemento de libre designación. Este cargo de nomeamento político está ocupado polo voceiro de Betanzos Novo, Hipólito Pérez Novo, desde 2016. Baixo a súa supervisión e autoridade, polo tanto, desenvolveuse todo o proceso que acabou co demoledor dictame do Consello Consultivo.

En febreiro deste ano, obrigado a comparecer en comisión, o goberno da Marea non conseguiu presentar un informe que aclarase a compra de dúas propiedades a un asinante e organizador do seu partido que, segundo toda a documentación existente e como considera probado o Consello Consultivo, non cumprían os requisitos que marcaban as bases do concurso público de adquisición. Nesa comparecencia o edil de Urbanismo coruñés acudiu flanqueado por Pérez Novo, que non deu aclaracións na comisión que examinou os inmobles presentados a concurso.

A oposición solicitara a revisión dos polémicos pisos no pleno o 12 de abril, e agora recibe o espaldarazo do Consello Consultivo que, no seu escrito, critica ademais reproba a intención da asesoría xurídica municipal, dirixida por outro funcionario nomeado en libre designación pola Marea, de tentar adaptar “á mantenta” os inmobles adquiridos. Onte a oposición coruñesa pediu responsabilidades aos dirixentes da Marea que ocupan postos directivos en Urbanismo. O seguinte no escalafón á funcionaria que dimitiu onte é, precisamente, o voceiro de Betanzos Novo.

Director de área, superior xerárquico da dimisionaria

Segundo a información do portal institucional do Concello da Coruña, Pérez Novo dirixe os servizos xerais de Urbanismo, o servizo de Planeamento e Xestión e o Servizo de Intervención da Edificación e Disciplina Urbanística. Neles encádrase tamén o de Rehabilitación e Vivenda, que dirixía a dimisionaria Natalia Codesal Barral.

A xestión de Hipólito Pérez Novo foi cuestionada pola Asociación profesional de los Autónomos, Emprendedores y Empresarios de Galicia (ASCEGA), que chegou a acusalo de “paralizar a cidade coa súa lentitude” e convertila “na sede da inseguridade xurídica co único afán de facer dano”, cualificándoo de “comisario político” que foi “colocado polo alcalde” xunto a outro técnico nomeado en libre designación polo goberno da Marea. Varios destes nomeamentos de directores de área foron, ademais, recorridos ante a Xustiza.