O Concello, obrigado pola Xustiza, comeza a demoler unha casa da Praza da Constitución

Unha concentración na praza. Á dereita da imaxe, o inmoble afectado

Unha licenza de obra de 1995, incumprida. Unha sentenza de 2002 obrigando a cumprila. Outro auto xudicial de 2011 ordenando ao Concello adoptar as medidas precisas para cumprir coa legalidade xusto a carón do propio Pazo Municipal. E outra sentenza do pasado ano obrigando ao Concello, que non cumprira coa de 2011, ordenando a executar as obras directamente. A pasividade do executivo socialista para facer cumprir a propia normativa municipal acabouse onte.

A empresa contratada polo Concello a finais do pasado ano comezaba onte os traballos de demolición parcial do número 2 da praza da Constitución, despois de que os propietarios do inmoble non amoldasen a construcción existente á licenza outorgada polo Concello hai máis de 20 anos.

A licenza era para realizar obras menores e a reparación da cuberta, sen tocar a estrutura interior pero executouse o baleirado do edificio e a construción dunha estrutura nova de formigón e aceiro, incrementando do volume inicial da edificación sen que o Concello detivese os traballos ata a conclusión das sucesivas placas das diferentes plantas, a culminación do tellado a maior altura e o peche en galería metálica dun dos pisos resultantes. Os propietarios defenderon a actuación ante os tribunais nun procedemento que se dilatou ata que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obrigou o pasado ano ao Concello a executar directamente os traballos.

O Concello tivo agora que redactar o proxecto para axustar a construción á legalidade e asumir os traballos de demolición parcial. Derrubaranse o ático e a terceira planta e axustarase no resto o edificio á licenza de 1995, mantendo a placa de formigón armado construída sen licenza por seguridade, para evitar danos aos colindantes. O custo será de 35 000 euros, que o Concello repercutirá aos propietarios.