O Concello, obrigado a expropiar unha finca no Xuncaliño por non cumprir o seu propio planeamento urbanístico

A ponte de madeira que une A Ribeira e O Xuncaliño

O Concello de Betanzos viuse forzado a iniciar os trámites de expropiación forzosa dunha parcela situada no Xuncaliño, entre o paseo e a pista deportiva construídos no recheo deste antigo carrizal próximo á aldea de Caraña de Abaixo.

O Concello está obrigado a executar esta expropiación forzosa por “imperativo legal” ao non executar as normas subsidiarias de planeamento, que neste lugar prevían un equipamento deportivo. De feito, con posterioridade á aprobación destas normas urbanísticas o propio Concello incluíu na Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) da Deputación unha piscina neste predio.

Os propietarios da parcela reclamaron hai uns meses por escrito ao Concello que execute o planeamento urbanístico previsto desde 1996 para a súa parcela. Ampáranse na Lei do Solo, que recoñece o dereito dos donos de terreos afectados por determinados plans urbanísticos a reclamar a expropiación transcorridos cinco anos sen que se produciran avances no cumprimento das normas urbanísticas.

Os tres propietarios dos terreos presentaron o pasado 17 de xullo unha folla de aprecio na que establecían un prezo de 405 360 euros polos terreos. O Concello de Betanzos rexeitou a valoración e, en base a informes técnicos, acordou proceder á expropiación por 57 900 euros co único voto favorable do PSOE durante a última sesión celebrada pola Corporación.

Unha “hipoteca máis” do urbanismo do PSOE

Vista da finca que o Concello está obrigado a expropiar, entre a pista deportiva e o paseo do Xuncaliño

A oposición optou por absterse. O BNG lamentou esta nova “hipoteca” das normas subsidiarias do PSOE. “Facer unha piscina aí non tiña ningunha lóxica e agora imos ter que expropiar para facer un equipamento deportivo que non cadra nin co previsto no plan xeral que non prosperou nin co que se está redactando actualmente”, criticou o nacionalista Henrique do Río.

O edil preguntou no pleno “cantas hipotecas máis” ían a deparar as normas subsidiarias de 1996, aprobadas polo goberno do PSOE.

Nunha liña similar, o portavoz de BN, Hipólito Pérez, atribuíu tamén a situación ás previsións “insostenibles” das “obsoletas” normas subsidiarias e cuestionou a valoración dos terreos asegurando que tecnicamente procedería valoralos con outros parámetros.

O executivo defende que a tasación foi realizada polos técnicos. O PSOE evitou entrar a defender as súas normas subsidiarias, que obrigarán ás arcas municipais a asumir un novo desembolso situado entre os prezos defendidos polos solicitantes e o propio goberno local.

O BNG lembrou que as arcas municipais xa tiveran que asumir outros desembolsos por sentenzas antes, como a da expropiación dun edificio a medio facer na rúa da Mariña para transformalo na zona verde que se delimitou no PEPOCH tras outorgar licenza o goberno local socialista en base ás normas subsidiarias.

Unha polémica urbanización

O BNG denunciara en 1996 as pretensións do goberno local do PSOE no Xuncaliño, onde os irmáns Lagares herdaran unhas parcelas que desde 1986 pasaran a ser construíbles. A carón delas situouse esta zona deportiva. Malia solicitar licenzas en 2003 para construír nestes solares, os edificios non chegaron a levantarse pola falta de viais de acceso aos mesmos, unha situación que xa fora advertida polos nacionalistas en 1996, e que lastrou a redacción das sucesivas propostas de PXOM ata hoxe.