O BNG propón diversificar a infraestrutura turística cunha rede de pequenos estabelecementos hoteleiros e un camping

O BNG asegura que “cómpre continuar a avanzar na diversificación da infraestrutura turística en Betanzos” tras a apertura da área de autocaravanas que demandaban desde hai lustros. Neste sentido, desde a formación nacionalista apostan por crear unha rede de pequenos estabelecementos hoteleiros de calidade, baixo unha marca que os distinga e identifique, no Casco Histórico e outros entornos monumentais. Para levar adiante esta proposta, o BNG contemplará a creación dunha empresa pública, que poñerá en marcha tamén un camping municipal. “Betanzos ten que ter infraestrutura diversificada para acoller todo tipo de perfís turísticos, algo do que historicamente carece”, explica o portavoz e candidato dos nacionalistas, Henrique del Río.

Betanzos debe converterse, desde o punto de vista do BNG, nun destino que combine o turismo cultural e medioambiental. “A historia e a natureza son os potenciais turísticos da nosa cidade: o Casco Histórico, o Pasatempo e o patrimonio histórico, o viño e os espazos naturais son os elementos que fan de Betanzos algo diferente e polos que o Concello debe apostar na súa oferta turística” explica o nacionalista Henrique del Río.

“Nas accións de difusión enfocadas ao turismo buscarase facer visíbel a nosa lingua e cultura, como un factor identitario e como un importante atractivo do noso país” apunta o candidato nacionalista. Entre as propostas nacionalistas figura o estudo, posta en valor e indicación nos roteiros dos lugares singulares de Betanzos coma os túneles do Casco Histórico ou o cemiterio vello. “Son elementos que están aí e aos que nunca se lles prestou atención nin se puxeron en valor”, explica.

“Temos un patrimonio cultural que hai que poñer tamén en valor” relata o candidato do BNG á Alcaldía de Betanzos. “As danzas gremiais, a coca, os mómaros, o gamachiño, as adegas de viño do país son elementos a poñer en valor e dar a coñecer, atractivos que poden atraer un turismo cultural desestacionalizado”, explica. “Cremos que o Concello ten que facer un esforzo por ese tipo de turismo, que é onde temos activos de primeiro nivel que non hai no entorno”, enfatiza Del Río.

O BNG recordou que a apertura da área de caravanas inaugurada o sábado “é unha demanda histórica que vimos defendendo desde hai máis dunha década por medio de todo tipo de iniciativas”. “De sempre defendimos que un investimento como este, modesto, permitiría diversificar as opcións de turismo na nosa cidade e desestacionalizalo” explicou o portavoz nacionalista.

“Esta instalación é outra proba de que as propostas que fai o BNG son as que Betanzos precisa para avanzar, polo que celebramos que sexa á fin unha realidade tras máis dunha década poñendo a proposta enriba da mesa”, enfatiza. O nacionalista abunda en que “as autocaravanas son un modelo de turismo en expansión e a nosa cidade, situada nunha ruta de autocaravanas, tiña que incorporarse aos municipios con áreas de autocaravanas” explica. “Isto diversifica a oferta turística e colócanos no mapa mellor que unha campaña publicitaria convencional”, enfatizou.