O BNG demanda explicacións pola crise no conservatorio e insiste en comarcalizalo

O Conservatorio ocupa os restos do mosteiro de San Francisco

O BNG anunciou q presentará ao vindeiro Pleno unha moción propoñendo unha solución para a situación que atravesa o Conservatorio Municipal Carlos López García-Picos. As nacionalistas, ademais, demandarán explicacións das causas que levaron a que o alumnado leve máis de 3 meses sen profesor de percusión.

O voceiro do BNG, Henrique del Río, considera que “é moi grave que nun ensino regrado, como o conservatorio, o alumnado estea sen profesorado”. “Máis aínda cando a situación é causa unicamente da mala xestión de quen xestiona e dirixe o centro educativo”, abundou. “Isto está a ocasionar graves prexuízos ao alumnado, que perdeu xa un trimestre” explica. “Con que criterio se van a poñer cualificacións, con independencia de que sexan precisos ou non para os estudos do grao medio”, preguntouse.

Desde o BNG recordan que veñen advertindo das irregularidades na contratación de persoal do conservatorio nos últimos anos. Hai uns anos as nacionalistas reclamaron no Pleno que o goberno local explicase por que contrata ao cadro docente do Conservatorio “sen ningún proceso selectivo”. “Naquela altura pedimos toda a documentación dos procesos selectivos e aínda agardamos por ela” ironiza Del Río, que engade que onte mesmo solicitou toda a documentación relativa ás contratacións e axudas do conservatorio. “Agardamos tela nos cinco días que a Lei establece, porque alguén terá que buscar unha solución ao problema que ten o conservatorio e para iso fainos falta ver a documentación”, explica.

As nacionalistas recordan que “todo o persoal laboral do Concello de Betanzos é persoal laboral temporal, agás as prazas recoñecidas como indefinidas por sentenza xudicial firme”. “O persoal laboral temporal non pode ser descontinuo e polo tanto, cada vez que se contrata persoal laboral temporal hai que convocar un proceso selectivo público, sexa no conservatorio ou en limpeza”, engade o edil nacionalista. “Algo falla neste caso”, abunda.

“Queremos saber as causas concretas que levan a esta situación, queremos poder dar unha resposta á xente que nos ten transmitido as súas queixas pola situación do servizo e, sobre todo, queremos darlle unha solución ao problema”, explica Henrique del Río. “Pero tamén queremos saber por que o goberno local non informou sobre esta situación, as súas causas e consecuencias” engade. “Se unha educación pública de calidade non merece explicacións por parte dun goberno que se di progresista non sei que pode merecelas”, ironiza.

O BNG propón comarcalizar o conservatorio para garantir a súa viabilidade

“Unha das causas do déficit do Conservatorio é a desproporcionalidade do salario dos docentes, que o PSOE situou fóra do convenio colectivo” explicou o edil do BNG. “Isto non se pode cubrir só subindo a taxa ao alumnado e coa axuda doutras administracións, senón que require repensar o servizo”, explica Del Río.

Neste sentido, o BNG ten proposto en reiteradas ocasións en que se debe mancomunar un servizo que de feito xa é comarcal. “Betanzos é a cabeceira comarcal e ten que comportarse como tal, sentar aos concellos da redonda e tender pontes para garantir a viabilidade do Conservatorio”, conclúe.