O Alfonsetti, tres cuartos de millón de euros gastados na recuperación para telo pechado

Interior do Alfonsetti

A negativa do goberno local de dotar dunha programación estable o cine Alfonsetti agora que a Deputación, a través do seu departamento de Cultura, financia o equipamento audiovisual da sala, sitúa novamente o antigo refectorio dominico no centro da actualidade local. Os nacionalistas cuestionaron que rehabilitar e equipar a sala para darlle un uso tan discreto como o que ata agora tivo é “tirar cos cartos”.

A sala entrou de cheo na axitada política municipal ao fío da súa rehabilitación, que non estivo exenta de sucesos e controversia. Os enseres atravesaron diversas peripecias e cando por fin estivo lista para usarse, non se podía, segundo o goberno local, debido a diversas causas, que foron mudando no tempo.

Unha rehabilitación polémica

O PSOE despediuse do goberno local en 2007 anunciando, en precampaña, a sinatura dun convenio para rehabilitar o cine co presidente da Deputación, tamén do PSOE. Posteriormente resultou que o documento non era convenio nin nada semellante, senón un simple protocolo de intencións, sen obrigas para as partes. O verdadeiro convenio subscribírono o mesmo presidente da Deputación e a nova e flamante alcaldesa, María Faraldo (PP). A partir de aí sucedéronse as controversias.

En decembro de 2007 o PP e o desaparecido CxB acordan no pleno destinar parte dos fondos que achegaba a Deputación a indemnizar aos irmáns Jaime e Emilio Pita por retirarlles o alugueiro do cine, de propiedade municipal. O acordo aprobado contemplaba 86 281,50 euros en concepto de indemnización por abandonar a sala e outra parte pola compra do mobiliario existente, valorado en 56 830 euros. A Deputación financiaba a rehabilitación do cine con máis de medio millón de euros. Os dous partidos aseguraban que era preciso pagar de inmediato aos arrendatarios para poder facerse coa propiedade e uso do cine e abrilo de inmediato. Dez anos despois, segue practicamente inédito.

Fronte á coalición conservadora, o PSOE defendía pagar polo mobiliario e equipamento da sala, incluídas unhas controvertidas obras de mantemento alegadas polos inquilinos que non se puideron demostrar con facturas ou permisos municipais, e o BNG rexeitaba pagar “peaxe” á familia do exconselleiro do PP por unha sala que era e é do Concello desde a desamortización de Mendizábal. O PP logo trataría de atribuír ao BNG a sinatura do convenio do cine para frear a crítica dos nacionalistas.

A falta de poucos días para iniciarse as obras, un incendio consumiu parte do patio de butacas nun suceso que o goberno local se negou a investigar, malia que o BNG reclamaba en levar todos os acordos ao Consello de Contas por ver irregularidades. O proxecto tivo que ser logo modificado porque, avanzada a obra, decidiuse configurar a sala para ser un auditorio de uso habitual cando o proxecto prevía un uso ocasional e unha ventilación máis modesta.

Os traballos prolongáronse toda aquela lexislatura e o cine só foi amosado, en fotos e sen abrir, nas publicacións e comunicacións da campaña electoral que serviu para que o PP saíra do goberno local. Sería o PSOE, de volta no goberno local, quen pagaría a indemnización polo lucro cesante logo dun pleito. Antes criticaría que a “mala xestión” do goberno do PP terían feito perderse 85 000 euros da axuda da Deputación.

As peripecias do mobiliario

Imaxe das butacas á venda na tenda de segunda man (Imaxe do xornal La Opinión)

A cruel hemeroteca revela que o argumento de PP e CxB para pagar polo mobiliario do cine era que ía ser reutilizado na propia sala. Logo díxose que sería para outras dependencias municipais e que sería custodiado temporalmente nos almacéns municipais. O BNG revelou, en 2011, que estaba “apodrecido” e “amoreado” nunha das naves municipais do Matadoiro, amosando o deterioro irreversible de boa parte das butacas e o estado do equipo de son nunhas fotos. O proxector e equipamento para emitir as películas foi depositado no Museo das Mariñas.

En outono do pasado ano o BNG denunciou que parte das butacas do vello cine- as de madeira que tiñan valor patrimonial, que procedían do patio de butacas deseñado por González Villar e que acabaran nunhas fileiras do galiñeiro do teatro italiano antes da rehabilitación da sala- estaban á venda nunha tenda de segunda man de Oleiros. O comerciante pedía 390 euros por dúas pezas, das que garantía a procedencia a través dun restaurador ao que a exalcaldesa tería encomendado a súa reparación. O goberno local, interpelado polos nacionalistas, negou que as butacas fosen do cine e rexeitou abrir ningunha investigación.

O equipamento de son, que en teoría ía ser reaproveitado para o cine ou equipar o Matadoiro, segur na nave. O BNG denunciou que os 11 altofalantes comprados aos Pita custaran, segundo os informes técnicos, 18 000 euros. Non está claro que hoxendía sigan na nave ou que poidan valer para nada.

O constante cambio de motivación do peche da remozada sala

Butcas e equipo de son do vello cine amoreados na nave do Matadoiro. Imaxe do BNG

De volta no goberno local e co pleito cos antigos inquilinos do cine polo pago da indemnización, o PSOE asegurou que non podía programar actividade cultural no vello teatro sen expoñer ao Concello a unha denuncia dos antigos arrendatarios. Pechado o pleito, o motivo do peche da sala, recén remozada, cambiou: non había equipamento audiovisual. Sen valorar a recuperación do equipo de son do Matadoiro- está alí como o PP o deixou, chegaron a afirmar publicamente- o goberno local reiterou e anunciou en cada Semana Internacional de Cine e en varios Encontros de Teatro Afeccionado que no seguinte ano adquiriría o material preciso para sacar partido á sala. En van. Mesmo os orzamentos que negociara co único edil de CxB chegaron a contemplar unha partida para esta compra, que nunca se fixo.

Esta semana o argumento volveu cambiar. Como o BNG, a través da área de Cultura da Deputación, logrou o financiamento para dotar de equipamento audiovisual o cine, agora é a “lei Montoro” quen impide abrir o Alfonsetti, neste caso, porque non se pode contratar persoal. “A Deputación ten máis de 700 empregadas, entre laborais e funcionarias, ningunha adscrita ao Teatro Colón, pero aínda así o departamento de Cultura non pecha o Colón, senón que ten unha programación estable”, rebatía hai dous días o BNG.

Reparacións por humidade e falta de ventilación

A consecuencia do peche do teatro é unha excesiva humidade que, co uso discreto da sala, non se disipa cando se abren as portas. A galería que dá ao claustro dominico presenta desprendementos de enlucido a causa da humidade, o pavimento da sala ten manchas polo mesmo motivo e parte das carpinterías resentíronse. Así se explica que o goberno local aprobase no pleno este luns pasado destinar unha parte do Plan de Obras da Deputación precisamente a traballos de repintado e reparación de humidades no refectorio que foi do mosteiro de San Domingos. Un investimento que eleva, aínda máis, o custe total da sala.

Sen uso malia o investimento de centenares de milleiros de euros

Só na rehabilitación da sala investiuse máis de medio millón de euros, que aportou a Deputación, aos que habería que sumar máis de cen mil adicionais de modificar o proxecto sobre a marcha. A eles, os preto de 40 000 do equipamento audiovisual que agora aporta a Deputación e o previsto no Plan de Obras para atallar os problemas de humidade a causa da condensación por estar clausurada a sala. Rondan os 700 000 euros.

Un vistazo rápido ás axendas culturais do Concello no último ano amosan o discreto uso que ten o Alfonsetti: un ciclo de cinema infantil polo Nadal, as proxeccións da Semana do Cine, algúns actos electorais, a homenaxe ás Irmandades, un par de obras de teatro e algúns concertos. Non suman, de media, máis de tres actos ao mes, dos que máis da metade foron programados por entidades e asociacións, non polo goberno local. E iso a pesar de que o Concello ten no seu cadro de persoal, segundo a información que dá o portal de transparencia, un “animador sociocultural”.

As alternativas para a sala

O BNG propuxo varias veces, en forma de mocións e propostas públicas, que as entidades e asociacións de Betanzos puidesen deseñar conxuntamente a programación do cinema, para o que, antes da solución adoptada polos nacionalistas desde a Deputación, chegou a propoñer equipar cun equipo portátil que dese cobertura a eventos nesta e noutras salas municipais.

Unha iniciativa social, xurdida nas redes sociais e titulada “Proyecto Cine Alfonsetti”, propugna recuperar o vencello do que foi o cinema máis antigo en funcionamento do estado español coa sétima arte mediante a organización de ciclos cinematográficos non comerciais a través dunha entidade privada que dirixa a sala.