Nuns días reabrirase ao tránsito a Porta da Ribeira

Imaxe de arquivo do tímpano da Porta do Cristo

O Concello de Betanzos anunciou que nos vindeiros días reabrirá ao tránsito peonil a Porta do Paio Formoso, ou do Cristo da Ribeira. En pasados días acabaron os traballos de recolocación da escalinata de canteiría e agora que os perpiaños asenten reabrirase ao paso.

A actuación enmarcouse na substitución de canalizacións na rúa da Cerca e os traballos tiveron que demorarse tras a aparición dunha canalización centenaria, que requeriu tratamento arqueolóxico para a súa documentación, catalogación e conservación.

Ao contrario que noutras moitas vilas e cidades históricas, o executivo socialista non optou por instalar ventás arqueolóxicas para poder contemplar os vestixios. Tampouco o fixera o goberno do PP coa canalización do século XVI aparecida na rúa das Monxas.