Novas inundacións na Ribeira ao coincidir temporal e mareas vivas

Vista parcial da Ribeira anegada onte

A subida da marea provocou onte unha nova inundación na Ribeira. A auga cubriu estradas, anegou baixos e vivendas e obrigou a desviar o tráfico da N-650. Trátase dunha estampa recurrente neste barrio  que foi motivo de innumerables peticións que seguen sen resposta.

“Xa é hora de que as administracións con competencias actúen”, reclamou onte o alcalde, o socialista Ramón García, botando balóns fora e centrando a responsabilidade no Partido Popular nos gobernos da Xunta e do Estado. O Executivo municipal dirixe os seus dardos a Augas de Galicia, Costas e Estradas e insta a estes tres organismos a “executar xa as obras necesarias para que Betanzos non teña que sufrir estes problemas”.

“Non se trata de algo circunstancial, senón que é habitual que ocorra tres ou catro veces cada ano”, destaca o Concello, que alerta dos problemas que xera ter que desviar a circulación o tráfico da Nacional 650 polas rúas interiores e estreitas do barrio.

O BNG demanda as solucións que prometeron o PSOE e o PP en campañas

Pola súa parte o BNG, a través das redes sociais reclamou actuación para solucionar o problema e criticou as continuas promesas sen concreción: “Triste, moi triste para veciñanza e negocios. Unha vez máis inundado o barrio da Ribeira ao coincidir a marea alta coas choivas. Despois de anos pedindo medidas para polo menos prever estas situacións e investimentos para solucionar este problema, despois de anos de promesas en notas de prensa e ocorrencias varias do goberno seguimos igual”.

Aos problemas derivados dos desvíos de tráfico, o Concello suma os prexuízos que ocasionan estas inundacións periódicas aos veciños, “que ven como afecta aos baixos dos edificios e ás entradas de acceso aos seus bloques de vivendas”.

Os veciños da Ribeira reclaman desde fai anos unha solución ás periódicas inundacións que rexistra a zona e que provocan danos nas súas vivendas debido a que os edificios e a estrada atópanse nunha cota máis baixa.

Demarcación de Costas e Augas de Galicia mantiveron un encontro fai anos co alcalde para “tratar de buscar solucións técnicas que aínda non sendo definitivas si melloren a solución”. Os dous organismos expresaron a súa disposición a deseñar un plan para mitigar os efectos das mareas vivas, pero aínda non transcenderon.