Ningunha axuda solicitada en Betanzos para rehabilitación dentro do programa do Camiño

Unha vista parcial do Casco Histórico

Os propietarios de vivendas situadas dentro do trazado dalgún dos Camiños de Santiago teñen a posibilidade de solicitar subvencións á Xunta para rehabilitalas. O ano pasado a Consellería de Vivenda recibiu solicitudes de axudas só de catro dos nove concellos que podían solicitalas entre a nosa comarca e a comarca da Coruña: Abegondo, Culleredo, Miño e a cidade da Coruña. Non se rexistraron peticións desde Betanzos. Tampouco desde Paderne nin Vilasantar, ou desde Carral ou Cambre xa na comarca da Coruña, segundo datos ofrecidos por Vivenda.

O Concello de Betanzos conta cun gran número de vivendas para rehabilitar dentro do seu Casco Histórico mais ningún dos propietarios aproveitou estas subvencións. Betanzos conta cunha oficina de rehabilitación para promover a posta en valor das vivendas. Aínda así propietarios de concellos mais pequenos e sen oficina de rehabilitación nin ARI solicitaron esta subvención mentres ningún propietario betanceiro aproveitou esta convocatoria.

A consellería rexistrou en 2017 un total de 21 solicitudes de cualificación de vivendas, o paso previo para poder optar ás axudas, pero só a metade dos interesados, 10 en concreto, chegaron ao segundo paso, o de solicitar a subvención, ao incumplir algún dos requisitos fixados por Vivenda. Estas solicitudes incluíron a un total de 115 vivendas, xa que se poden pedir para vivendas unifamiliares ou bloques de vivendas. A Xunta o ano pasado outorgou en total 112.412 euros en axudas á rehabilitación para estas dez solicitudes.

O municipio de Abegondo é con diferenza o que ten máis parroquias dentro do Área de Rehabilitación Integral establecida pola Xunta, ao contar con máis da metade das súas parroquias atravesadas polo Camiño de Santiago.

O maior número de solicitudes de cualificación rexistrouse en Miño con 9, seguido de Abegondo con 8, pero este último municipio foi o que contabilizou máis peticións que chegaron ao segundo paso, ao cumprir todos os requisitos e poder optar á axuda, 5 en total (en Miño só se tramitaron dous das cinco pedidas).

Convocadas as axudas para o 2018

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado xaneiro a convocatoria de axudas para este ano, cun importe global para toda a comunidade galega de 2,8 millóns de euros. O pasado mes de marzo ademais a Consellería publicou a actualización do listado de parroquias, en toda Galicia, que poden solicitar axudas á rehabilitación ao estar atravesadas por algún dos Camiños de Santiago. Este novo listado supuxo ampliar a dous as parroquias que poden contar con estas axudas dentro da comarca: Viós en Abegondo e Présaras en Vilasantar, ademais dunha parte da parroquia do Temple en Cambre.

O procedemento a seguir para solicitar estas axudas é que un particular ou comunidade de propietarios dun edificio ou vivenda situado no ámbito do área dos Camiños presente a solicitude, sempre antes de finalizar as obras de rehabilitación. Ten que solicitar á Xunta unha cualificación provisional e despois, nun prazo máximo dun mes desde que finaliza as obras o propietario debe pedir á súa área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a cualificación definitiva das actuacións.

Unha vez aberta a convocatoria anual destas subvencións (a deste ano xa se abriu o pasado xaneiro) os propietarios que teñen a cualificación definitiva xa poden concorrer a devandita convocatoria e pedir a axuda. Con todo non todos os que piden a cualificación chegan ao segundo paso porque poida que dita solicitude non cumpra os requisitos ou malia lograr a cualificación o promotor ao final non realiza a obra, ou esta non logra a cualificación definitiva por incumplir as condicións de Vivenda.

As obras para as que se poden pedir estas axudas inclúen actuacións para garantir a seguridade do inmoble (reforzo, reparación, eliminar elementos en mal estado, consolidación da estrutura), para protexelo fronte ao auga e a humidade (carpintería, cubertas, fachadas, impermeabilizacións, ventilación ou illamento térmico), adecualo á normativa vixente (en temas de electricidade, evacuación de augas residuales e demais), para obras de mellora da accesibilidade (eliminación de barreiras arquitectónicas) ou da eficiencia enerxética do edificio.