María Barral promete o seu cargo para gobernar “na mesma liña” que Ramón García

María Barral co bastón de mando do Concello

María Barral, concelleira de Servizos Sociais, Muller, Cultura, Educación e Normalización Lingüística converteuse onte, como estaba previsto, na nova alcaldesa de Betanzos en sustitución de Ramón García que deixou o cargo segundo afirmou por cuestións de saúde. A súa candidatura só foi refrendada polos seus compañeiros do grupo municipal. Todos os partidos votaron polas súas respectivos cabezas de lista menos Betanzos en Común que optou pola papeleta en branco.

María Barral fixo un discurso tras prometer o cargo no que en todo momento tivo a voz entrecortada e vacilante  malia ser unha das máis veteranas políticas socialistas. Na súa intervención asegurou que onte foi “o día máis importante” da súa vida desde o punto de vista político aínda que non chegaba á Alcaldía do Concello de Betanzos co respaldo dos votos e falou polo dunha “investidura atípica” para un mandato duns dez meses.

María Barral comezou eloxiando a figura da súa predecesor Ramón García, do que salientou a súa “honestidade, humildade, prudencia, talante dialogante, responsabilidade” e ao que puxo como “referente” e “exemplo”. A nova rexedora de feito adiantou que a súa xestión política caracterizarase por seguir a “mesma liña”. Entre as principais tarefas que destacou para levar a cabo próximamente estivo a obra da Ribeira, pola que os brigantinos levan máis dunha década esperando para evitar as inundacións e que “por fin está a piques de comezar”, aínda que depende do goberno do Estado e quedou contratada polo executivo de Mariano Rajoy.

O Pasatempo tamén foi un dos puntos que destacou co fin de lograr a declaración de Ben de Interese Cultural e o investimento que implicará por parte da Xunta para a súa recuperación, aínda que case tres anos despois do derrubo dun mural do estanque nin sequera esta obra de consolidación chegou a rematarse e o parque atópase na mesma situación de precariedade e abandono que a prinicipio da lexislatura. A nova planta de tratamento de auga e as melloras do casco histórico, promesas estrellas da Xunta en Betanzos, foron os outros dous temas que subliñou, xunto coa programación na que todo o Concello pensa agora: a do 800 aniversario do traslado da vila de San Martiño ao Castro de Untia.

Ao acto acudiron todo tipo de cargos do Partido Socialista, como o secretario xeral do PSOE en Galicia Gonzalo Caballero, o deputado Juan Díaz Villoslada, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso; a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez e o portavoz socialista en Miño Manuel Faraldo. Na segunda fila do salón de plenos estivo o exmandatario Ramón García, que se achegou a abrazar a María Barral, mentres no corredor do salón estaba tamén outro exalcalde brigantino, Manuel Lagares.