Manuel Basoa será o pregoeiro da Feira Franca Medieval

A expulsión dos leprosos é un clásico desde a primeira edición da Feira Franca Medieval. Basoa sobre o carro

Manuel Basoa, de 84 anos e xubilado de Bazán, será o pregoeiro da Feira Franca Medieval. A súa relación coa festa histórica remóntase á primeira edición, cando como director da escola municipal de teatro que entón existía dirixiu os primeiros grupos de voluntarios locais para estrear a Feira Franca. E desde entón, como frade, bota o responso da expulsión dos leprosos e dirixe as escenas desde a asociación teatral Luzada por uns 7400 euros.

O goberno local filtrou a nova ao diario de Sabón, ademais de asegurar que “a comisión técnica” cuxa composiciónn non aclara valorou durante os últimos días as “algo máis de 360” solicitudes presentadas para instalar postos durante o tres días de feira no centro histórico. “Delas atendéronse 98 peticións. O resto, ata completar os 131 postos que terá este ano a feira, estarán ocupados polos 33 puntos de venda correspondentes ás asociacións de Betanzos que así o solicitaron; comerciantes do centro histórico e os postos de gastronomía da poxa pública feita polo Concello” indican.

“Na valoración de autorizacións o Concello tivo en conta a traxectoria de cada profesional así como o cumprimento, en caso de participar en edicións anteriores, do regulamento da feira” explican no comunicado, malia non existir ningún regulamento publicado e en vigor sobre a Feira Franca alén da taxa por ocupar vía pública nesta festa. “Como xa ocorreu en anos anteriores, o Concello descartou outorgar máis permisos para manter a singularidade da feira e por cuestións de seguridade, deixando libre a rúa Travesa e a continuación da rúa Nova” aseguran. Os postos instalaranse polas zonas habituais, isto é: a porta da Vila, a rúa do Castro, a praza da Constitución; Santiago, Roldán; Pescadería, praza Fernández Pérez de Andrade, Santa María, e San Francisco, evidenciando que non haberá cambios de calado na festa malia o rebumbio e a consulta pública promovida polo rexedor e os seus socios.

O único cambio anunciado é a eliminación do Aquelarre. No seu lugar estrearase a que se coñece como Danza da Morte, documentada na historia medieval segundo afirma o propio Basoa, e que se perfila como un dos principais momentos da feira deste ano, na que tamén se estrearán diversos talleres no campamento medieval.