A iniciativa parlamentaria do BNG sobre o Pasatempo logra a unanimidade tras negociala co PP

O frontal da gruta da Recoleta coa controvertida pasarela en primeiro termo

Finalmente houbo unanimidade onte no Parlamento de Galicia para votar a proposición non de Lei do BNG sobre a rehabilitación e declaración BIC do Pasatempo. O PP presentou unha emenda a esta iniciativa, que levou a nacionalistas e conservadores a transaccionar ambos textos na busca dun punto de encontro que afortunadamente se atopou.

Así, finalmente a Cámara galega acordou requerirlle á Xunta que axilice a declaración de Ben de Interese Cultural do Parque do Pasatempo, reducindo na medida do posible os prazos de tramitación. E, en segundo lugar, o acordo do BNG arranca, agora si en firme e por escrito, o compromiso dos conservadores a “prestar apoio técnico ao Concello de Betanzos para a elaboración do proxecto de rehabilitación, implicando outras administracións públicas, recabando outros posibles apoios financeiros e colaborando economicamente para garantir a consecución do proxecto”.

O BNG logra un acordo unánime para rehabilitar o Pasatempo e declaralo BIC

A asociación de Amigos do Pasatempo saudou a iniciativa do BNG e o acordo acadado grazas á interlocución entre conservadores e nacionalistas. Na súa rede social facebook afirmou que “ante promesas de unos y otros, ante cifras que no se plasman y proyectos que no llegan, parece que al fin habrá algo por escrito y en papel, un acuerdo en el parlamento gallego no asegura nada, pero parece que esta propuesta del BNG ha logrado unir a todas las fuerzas en un acuerdo. El parque es de todos, y sólo acuerdos entre TODOS servirá para desencallar esta situación insostenible”.