Inaugurada a área de autocaravanas no entorno do porto

Un intre do acto de inauguración

Na mañá do sábado inaugurouse a área de autocaravanas de Betanzos, ubicada entre o parque Pablo Iglesias e a estación Betanzos-Cidade. A zona conta con 1.200 metros cadrados e nela poden aparcar ata doce autocaravanas, aínda que o sábado chegaron á capital brigantina un total de 150, procedentes de distintos lugares de Galicia e Asturias, que quixeron estar neste acto.

Responsables da Asociación Galega de Autocaravanas acudiron á inauguración. O seu presidente asegurou que este espazo está “entre os tres mellores de Galicia”. A entidade aproveitou o evento para celebrar na cidade a súa asemblea anual.

No acto estiveron presentes integrantes do goberno local, dos grupos municipais de PP e BNG- que demandou insistentemente esta infraestrutura durante anos- e veciños. A alcaldesa, María Barral, asegurou que o turismo é un dos grandes motores económicos de Betanzos polo que non se lle pode “dar as costas”. Destacou que o turismo de autocaravana creceu un 30% o ano pasado e o sector prevé seguir crecendo, motivos nos que fundamentou a creación desta área. O goberno socialista viña bloqueando esta iniciativa desde hai lustros, malia a auxe do autocaravanismo.

BNG: “esta área demostra que as propostas que facemos son as que Betanzos precisa para avanzar”

O BNG amosou a súa satisfacción pola apertura da área de autocaravanas de Betanzos, en cuxa apertura participou esta mañá o portavoz nacionalista. “É unha demanda histórica que vimos defendendo desde hai máis dunha década por medio de todo tipo de iniciativas” recordou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “De sempre defendimos que un investimento como este, modesto, permitiría diversificar as opcións de turismo na nosa cidade e desestacionalizalo” explicou.

“Esta instalación é outra proba de que as propostas que fai o BNG son as que Betanzos precisa para avanzar, polo que celebramos que sexa á fin unha realidade tras máis dunha década poñendo a proposta enriba da mesa”, enfatiza. O nacionalista abunda en que “as autocaravanas son un modelo de turismo en expansión e a nosa cidade, situada nunha ruta de autocaravanas, tiña que incorporarse aos municipios con áreas de autocaravanas” explica. “Isto diversifica a oferta turística e colócanos no mapa mellor que unha campaña publicitaria convencional”, enfatizou.

PP: polémica en redes cunha suposta achega da Xunta

O PP, pola súa banda, protagonizou unha lea nas redes sociais do Concello. O motivo, unha suposta ocultación dunha axuda do goberno galego, de 45 000 euros, para facer esta obra. A Xunta remitiu un comunicado asegurando que aportou esta cantidade cun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello.

“Esta colaboración se encadra dentro do compromiso da Consellería de Cultura e Turismo de colaborar cos concellos e entidades locais para poñer en valor os seus recursos turísticos especialmente no eido rural” explica o goberno galego. “Esta colaboración co concello resposta ao compromiso que desde a Consellería de Cultura e Turismo hai co desenvolvemento turístico diversificado que busca a desestacionalización da demanda turística, a especialización da oferta e a diversificación dos fluxos” engaden.

No acto de inauguración, no comunicado remitido e nas redes sociais o goberno local non fixo alusión a tal achega. Simpatizantes do PP recriminaron que non se colocase o cartel anunciador de tal investimento.