O IGVS saca a contratación as obras de outas tres casas no Casco Histórico

Unha vista parcial do Casco Histórico

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de sacar a licitación as obras para rehabilitar tres inmobles máis no conxunto histórico de Betanzos. Esta actuación virá completar as intervencións previstas pola Xunta nesta zona, na que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) adquiriu 11 edificacións en 2010 que, en breve e unha vez adxudicada a rehabilitación destes tres últimos inmobles, estarán xa na súa totalidade en obras.

A rehabilitación destes tres inmobles no casco histórico betanceiro foi anunciada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao concello a finais de outubro. Concretamente, os edificios obxecto desta última licitación están situados nos números 3, 4 e 6 da rúa Cortadoría e grazas á actuación prevista, á que se destinarán en total 674 093,45 euros, obteranse catro vivendas.

O IGVS ten en propiedade na zona histórica de Betanzos un total de 11 inmobles dos que se obterán 16 vivendas rehabilitadas, así como varios locais comerciais nalgúns dos baixos. O investimento global a realizar nos traballos de rehabilitación destes edificios é de preto de tres millóns de euros e a previsión é que as primeiras vivendas estean listas antes de xuño do próximo ano.

En todo caso, estas actuacións terán continuidade grazas ao programa Rexurbe, en virtude do cal o IGVS sacou este ano unha oferta pública de adquisición de inmobles para rehabilitar nos municipios de Ferrol, Lugo, Ourense e Betanzos. Así, o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa anunciou que no marco deste programa adquirirá seis edificacións máis no conxunto histórico betanceiro co fin de continuar coas actuacións de rehabilitación que ten en marcha no concello.