Guiliade celebra esta fin de semana as Dores

O globo de Guiliade

Con misas solemnes o sábado e o domingo no campo da festa desde a unha e media da tarde, a do domingo seguida de procesión, Guiliade iniciará cada xornada desta fin de semana as súas festas patronais na honra da Nosa Señora das Dores. A xornada do sábado inclúe, ademais, sesión vermú coa orquestra Master, que amenizará tamén pola noite a verbena. Antes, o Mesón 1801 acollerá desde as oito do serán a “festa fin de verán” cunha churrascada.

A xornada do domingo, tras a misa e procesión, terá unha sesión vermú coa Banda de Música de Abegondo. Xa pola tarde, seguiralle unha festa infantil. En previsión de precipitacións, o campo estará cuberto cunha carpa.

Non terán estas festas o tradicional globo, que confeccionaban os veciños do lugar no local social e que pintaban os cativos da aldea. Os problemas con permisos e a falta de apoio do Concello acabaron por facer desaparecer este tradicional número dos festexos.